O Outono Fotográfico trae a obra de Francesca Nocivelli ao Centro Cultural da Deputación de Ourense

 

  • A exposición "A galería dos soños" é unha mostra enmarcada na arte activista que forma parte da sección oficial do festival galego de fotografía.

O Outono Fotográfico trae a obra de Francesca Nocivelli ao Centro Cultural da Deputación de Ourense, cunha exposición, "A galería dos soños", que é unha mostra enmarcada na arte activista que forma parte da sección oficial do festival galego de fotografías. A exposición xurde da iniciativa Art Solidari, logo de poñer a Francesca Nocivelli á fronte de unha actividade multidisciplinar no Centre Penitenciari Dones de Barcelona, co gallo de achegar coñecementos e lecer relacionados coa arte ás presas. Francesca Nocivelli, artista recoñecida internacionalmente, traballou man a man durante dous anos, con citas semanais para acadar o que, posteriormente, Art Solidari, en colaboración co Fòrum Fotogràfic Can Basté de Barcelona converteu na mostra itinerante que hoxe chega a Ourense.

A produción das pezas que conforman a exposición, tanto na forma coma no fondo é froito do traballo das presas, que exerceron de pintoras, fotógrafas, atrezistas, editoras, montadoras, e todas aquelas tarefas que se requiren á hora de artellar unha mostra. Malia iso, o estilo de Nocivelli está presente ao longo da exposición até o punto de que o selo persoal da artista se mestura coa parte dinamizadora e activista da mostra.

Na exposición poden verse varias series ben diferenciadas e que nos falan de como foi o traballo que fixo Francesca coas presas. Para achegar a arte en xeral, e a fotografía en particular ás que, a priori, non están afeitas a esas linguaxes, arrodeou polos códigos propios da literatura e e do cinema, para acabar instalándose nas grandes iconas da historia da arte. Así, podemos ver unha serie de imaxes publicitarias que critican con retranca o funcionamento interno do cárcere e todos aqueles obxectos cotiás que se lle subministran ás internas ou, pola contra, aqueles que están prohibidos pola dirección do centro penitenciario.

Asemade, podemos ver unha reinterpretación de coñecidos cartaces de filmes, onde, coa mesma clave reivindicativa e humorística, as presas interpretan os papeis que fixeran os grandes actores e actrices do cinema.

A parte central da exposición son doce obras de grande formato que deconstrúen iconas moi recoñecíbeis da historia da arte. Cun xeito totalmente iconoclasta, Francesca Nocivelli arengou ás súas alumnas para acadar imaxes que non deixan indiferente ao espectador, traballando entre outras con "Le tre grazie" de Rafael, "Creazione di Adamo" de Michelangelo, "Skrik" de Edvard Munch, "Muchacha en la ventana" de Salvador Dalí, ou "Marilyn" de Warhol, que casualmente cohabita coa orixinal na sala contigua.

A mostra, que vén de Barcelona, trasladarase logo de se pechar en Ourense, a París para seguir a súa itinerancia.

Máis info en: http://www.outonofotografico.com/2013/web/la-galeria-de-los-dulces-suenos/