Manuel Baltar visita en Muíños obras de infraestruturas e medio ambiente e os danos provocados polas tormentas

  • Nas obras da estrada Bande-Muíños e na área medioambiental a institución provincial ten investido máis dun millón de euros nos últimos anos para dar servizo aos concellos da Baixa Limia.

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar visitou hoxe obras de infraestrutura e medio ambiente que está a levar a cabo a institución provincial na Baixa Limia, en concreto na estrada que une Bande con Muíños e na área medioambiental do Concello de Muíños, o que ten suposto nos últimos anos un investimento acumulado que supera o millón de euros.

En concreto, Baltar, acompañado polos alcaldes de Bande, José Antonio Armanda, e polo de Muíños, Plácido Álvarez, e membros do grupo de goberno deste concello, fixo un percorrido pola estrada OU-1201 (Bande-Barxés) na que se levan realizando obras de mellora do firme e acondicionamento, cun investimento que supera os 220.000 euros e que ten previsto destinar para 2014 outra partida orzamentaria para continuar cos traballos de mellora desta importante estrada que une Bande e Muíños.

Posteriormente, o presidente provincial desprazouse ata a área medioambiental de Muíños, que da servizos aos demais concellos da Baixa Limia, onde visitou a planta de transferencia de residuos sólidos urbanos, na que se investiron 255.000 euros, o Punto Limpo e a nave comarcal de servizo de recollida de RSU, así como o punto de acopio de residuos da construción e demolición, nos que o investimento achegouse ao medio millón de euros.

Manuel Baltar tamén visitou neste mesmo espazo medioambiental o Centro de recollida de animais abandonados, que entrará en funcionamento nas vindeiras datas, e que supuxo un investimento de 194.000 euros e que dará servizo aos concellos de Bande, Entrimo, Lobeira, Lobios e Muíños.

Baltar rematou a súa visita á Baixa Limia visitando as zona que resultaron danadas polo temporal de vento que sufriu o municipio de Muíños nos últimos días, das cales a máis afectada foi a contorna do campo de fútbol, que rexistrou importantes danos principalmente co desprendemento de parte da cuberta desta instalación deportiva.

O presidente provincial destacou que todos estes servizos e infraestruturas que financia a Deputación de Ourense "son necesarios e en moitos casos obrigatorios, e isto da boa mostra da importancia dos gobernos provinciais nesta era da intermunicipalidade e da cooperación como base para o desenvolvemento de accións que redunden en beneficio dos concellos e dos cidadáns".

Baltar reiterou que esa "fusión de servizos" ten como finalidade que o servizo público sexa sempre de mellor calidade, e subliñou como "iniciativa pioneira na provincia" o feito de que nunha mesma área, no Concello de Muíños, "se agrupen varias iniciativas medioambientais como son a canceira, o Punto Limpo e a planta de transferencia de RSU, para beneficio de todos os cidadáns da Baixa Limia, servizos xestionados pola Deputación de Ourense".