A 29ª edición do "Día da Bici" converterá ao Ourense na maior festa do ciclismo

  • O evento, que foi presentado hoxe na Deputación de Ourense, encherá o domingo as rúas da capital de miles de ciclistas.

Na sala de xuntas do Pazo Provincial tivo lugar hoxe a presentación da 29º edición do "Día da Bici", a maior festa da bicicleta da provincia de Ourense, un evento patrocinado pola Deputación de Ourense e o Concello de Ourense que volverá encher o vindeiro domingo as rúas da cidade de milleiros de ciclistas. O acto de presentación contou coa presenza do vicepresidente da Deputación de Ourense, Rosendo Fernández; o concelleiro de Deportes do Concello de Ourense, Alfonso Vilacha; o presidente do Club Ciclista Ourensano, Carlos Moure, e o asesor de Deportes da Deputación de Ourense, Bernardino González.

Carlos Moure destacou a importancia de sensibilizar aos automobilistas en relación ao respecto que merecen os ciclistas e dixo que esta proba "é unha maneira de reivindicar este deporte cun acontecemento para toda a familia, que ven desenvolvéndose desde 1984".

Rosendo Fernández destacou o traballo desenvolvido por Moure ao longo destes 29 anos, "proba de seu amor á bicicleta e ao deporte, porque só así se entende que unha actividade como esta poida perdurar tanto no tempo", e engadiu que "bicicleta e saúde son dúas palabras que van unidas, e, neste caso, xunto a un gran evento onde nenos e maiores gozan por unhas horas do que supón pasear por rúas sen coches". Pola súa banda, Bernardino González agradeceu o traballo dos organizadores e a súa implicación "para que un ano máis todos poidamos gozar dunha gran xornada lúdica e deportiva".

Como é tradicional, a saída e a chegada serán no mesmo punto: fronte ao edificio de Correos, na Alameda. A saída será ás 12.00 horas e o percorrido abrangue as rúas Progreso, Marcelo Macías, Avenida de Portugal, Ervedelo, Progreso, Pardo de Cela, Ponte do Milenio, Xesús Pousa, Eulogio G. Franqueira, Río Arnoia, Avenida de Santiago, Avenida das Caldas, Vicente Risco, Ponte Nova, Curros Enríquez, Sáenz Díez, Don Bosco e Progreso con final na Alameda.

Carlos Moure agradeceu á Deputación de Ourense e ao Concello o apoio a este evento, o que fai posible, que xunto aos colaboradores, a organización poida entregar aos participantes miles de bolsas con agasallos e refrescos, ademais dos premios que se sortearán ao remate da proba.

A organización recomenda aos participantes: revisar previamente a bicicleta, levar zapatillas de ciclista ou calzado de sola pouco flexible, camiseta e calcetíns de fío ou lá, e culote ou pantalóns de deporte, e lembra tamén que non se trata dunha carreira, senón que é un paseo pola cidade. Por elo recomenda circular con velocidade moderada, respectar a unidade do grupo e manter unha distancia prudencial coas demais bicicletas.