49 concellos participaron no programa de "Compostaxe doméstica" promovido pola Deputación de Ourense e Sogama

  • Na presente campaña, preto de 250 composteiros foron entregados no Carballiño, Castrelo de Miño, Punxín, Rairiz de Veiga, A Rúa, Rubiá, A Veiga, Viana do Bolo e A Bola.

  • Das primeiras visitas aos fogares participantes destaca o alto interese das familias neste proxecto, co que se prevé obter interesantes beneficios ambientais e económicos.

49 concellos da provincia de Ourense teñen participado no programa de "Compostaxe doméstica" promovido pola Deputación de Ourense e Sogama, no marco do convenio de colaboración formalizado entre ámbalas dúas institucións. Na presente edición preto de 250 composteiros foron entregados nos 9 concellos participantes: O Carballiño, Castrelo de Miño, Punxín, Rairiz de Veiga, A Rúa, Rubiá, A Veiga, Viana do Bolo e A Bola.

Os 49 concellos adscritos a esta práctica delegaron xa no seu momento na institución provincial a recollida de residuos urbanos, e segundo os técnicos ponse de relevo os resultados positivos obtidos trala primeira visita de seguimento realizada durante os meses de xullo e agosto aos fogares participantes, concluíndo o elevado interese das familias nesta iniciativa.

Despois da xornada formativa e divulgativa levada a cabo no Centro Cultural "Marcos Valcárcel", mediante a cal se pretendía trasladar aos "mestres composteiros" (persoal encargado de formar á veciñanza nas prácticas de autocompostaxe) a información máis relevante do proxecto, preto de 250 composteiros xa foron entregados, realizándose visitas ao 78 % dos mesmos, ao tempo que se solicitaron datos de interese a través de entrevistas e enquisas efectuadas aos usuarios.

Entre os problemas detectados no proceso de compostaxe, cabería destacar, en casos moi puntuais, a existencia de malos cheiros debido, fundamentalmente, ao incorrecto proceso de aireación; o exceso de humidade, aconsellando o volteo para facilitar a aireación e diminuír o grado de compactación do compost; a presenza de insectos e outros invertebrados, debido fundamentalmente ao exceso de aporte de residuos procedentes de froitas, recomendando cubrilos cunha fina capa de material seco ou con céspede; e a dificultade, dada a época do ano, de atopar materia seca, polo que se trasladou a necesidade de almacenala triturada para dispoñer da mesma durante todo o ano.

Polo demais, a ubicación dos composteiros era a correcta, emprazándose estes case sempre na horta e en zonas sombrías e con poucas horas de sol directas.

Reciclaxe e aforro

A compostaxe doméstica constitúe unha práctica xa asentada en moitos puntos do rural galego, que, máis aló de pechar o ciclo de recuperación e reciclaxe da materia orgánica nas propias vivendas, é un instrumento eficaz de cara á consecución dun importante aforro económico para as arcas locais. E isto é así porque, dado que os restos orgánicos representan en torno ao 40 % do total do lixo producido nos fogares, ao evitar o seu depósito nos contedores convencionais, os concellos poden diminuír a frecuencia de recollida dos mesmos e entregar menos cantidade de lixo a Sogama, diminuíndo desta forma o importe das facturas que mensualmente deben pagar a esta empresa pública.

Os veciños participantes contan en todo momento co asesoramento oportuno, dispoñendo ademais de material divulgativo de apoio no que se recollen os pasos a seguir de cara a que a técnica sexa aplicada correctamente e os resultados sexan satisfactorios.

As familias poden obter desta forma un abono natural e de alta calidade para ser aplicado ao solo sen restricións e conforme aos parámetros esixidos na normativa vixente, garantindo así o aporte de nutrientes a xardíns, hortas e terras de cultivo, e evitando o uso de fertilizantes químicos.