O Festival de Teatro Galego coloca o Carballiño como referente da escena en Galicia

Fetega, o único certame das súas características, inicia mañá no auditorio carballiñés a súa 24 edición, na que haberá espectáculos infantís, representacións teatrais e obradoiros.

O Festival de Teatro Galego (Fetega), o único das súas características que existe en Galicia, inicia mañá martes, 3 de setembro, unha nova edición –a número 24-, que o converte no evento teatral máis veterano de cantos se celebran en Galicia. Representacións teatrais, teatro de rúa, espectáculos infantís e obradoiros conforman o programa de actividades que se desenvolverán entre mañá martes e o vindeiro venres no Auditorio do Carballiño, co patrocinio da Deputación de Ourense e do Concello do Carballiño e a colaboración de empresas privadas.

"A calidade das obras e a singularidade e relevancia artística deste festival fan que sexa único en Galicia", dixo o vicepresidente da Deputación de Ourense, Rosendo Fernández, no acto de presentación que tivo lugar hoxe na institución provincial. Fernández engadiu que a escena galega "segue a necesitar un pulo para que o público acuda cada vez máis as ver os espectáculos teatrais e por elo a Deputación de Ourense apoia este festival, cuxo éxito ven avalado polas anteriores edicións nas que se acadou unha media que superou os 2.500 espectadores cada ano, unha cifra que fala alto e claro do ben que se organiza este evento".

A presentación de Fetega 2013 contou tamén coa presenza do alcalde do Carballiño, Argimiro Marnotes; do coordinador do festival, Xermán Tobío, e dos actores que conforman o programa deste ano. Tobío agradeceu tanto á Deputación de Ourense como ao Concello do Carballiño o apoio institucional e tamén o das empresas privadas, "o que nos permite achegar un ano máis coa máxima calidade as nosas propostas teatrais ao público".

Pola súa banda, Argimiro Marnotes dixo que a consolidación e permanencia no tempo de Fetega "é boa mostra do traballo, ilusión e sacrificio do equipo que dirixe Josi Lage" e engadiu que eses "son valores polos que merece seguir apostando, a prol da nosa cultura e para que os cidadáns poidan dispoñer dunha oferta cultura de alta calidade artística, como a que ofrece un ano máis o Fetega".

Mañá martes ábrese o festival coa compañía Mofa e Befa que representa a comedia "Románticos", con Quico Cadaval, Evaristo Calvo, Víctor Mosqueira e Piti Sanz. O mércores terá lugar a representación do drama "Gaivotas subterráneas", coa participación de Luis Iglesia e Xabier Deive. O xoves, 5 de setembro, Talía Teatro representa a obra de intriga "O método Gronholm", con Toño Casais, Artur Trillo, María Ordóñez e Dani Trillo, e o venres día 6 actuará Carlos Blanco co seu espectáculo "Ao vivo... de momento". Este mesmo día terá lugar a entrega dos premios Fetega 2013.

Todas as funcións serán ás 22.30 horas, para o público adulto, e as entradas, que se poderán mercar na taquilla do Auditorio do Carballiño, terán un custe de 8 euros.

As actividades complementarias de rúa que se van desenvolver nos días do festival na Praza do Concello do Carballiño serán ás 18.30 horas. O martes día 3: Velocíclopes de Fantoches Baj ; o mércores día 4: Babacontos de Teatro Babaluva, e o xoves e o venres: a Casa dos xogos coa ludoteda Xiramundos. Ademais, todos os días de 11.00 a 11.30 e de 17.00 a 19.00 horas haberá obradoiros de malabares e de instrumentos, así como actuacións de maxia nos establecementos colaboradores.