Máis de 200 persoas, entre adultos e nenos, fórmanse na Campaña de Compostaxe Doméstica, promovida pola Deputación de Ourense e Sogama

Máis de 200 persoas, entre adultos e nenos, estanse a formar na Campaña de Compostaxe Doméstica 2013, promovida pola Deputación de Ourense e Sogama, co obxectivo de sensibilizar e promover boas prácticas medioambientais na provincia de Ourense.

Ata a data, este proxecto xa se desenvolveu noutros 54 concellos da provincia de Ourense en convocatorias anteriores cunha excelente acollida. Mañá mércores, 24 de xullo, realizarase unha das últimas xornadas de formación previstas para esta campaña 2013. Será no Club Náutico de Castrelo de Miño, ás 18.00 horas, e prevese amplialo tamén ao Concello da Bola.

Ao remate desta fase de formación iniciarase a visita por parte dos técnicos aos composteiros, a cargo da empresa Todoverde, coa finalidade de comprobar in situ se se está a realizar adecuadamente o proceso de reciclaxe e corrixir aqueles erros, de ser o caso, para que o proceso de compostaxe sexa o axeitado.

A campaña 2013, que foi presentada polo presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, e o presidente de Sogama, Luís Lamas, desenvólvese nos concellos de O Carballiño, Castrelo de Miño, Ribdavia, Rairiz de Veiga, Punxín, Viana do Bolo, A Veiga, A Rúa, Rubiá e A Bola. Estes municipios súmanse aos que xa se veñen incorporando a esta campaña desde o ano 2010 -54 en total-, en virtude do convenio entre a institución provincial e Sogama en materia de compostaxe doméstica. O éxito alcanzado apoia a extensión deste servizo a novos concellos na mesma situación que os anteriores, os cales se beneficiarán das vantaxes ambientais, económicas e sociais que trae consigo a compostaxe caseira.

"Este tipo de campañas contribúen a difundir e sensibilizar sobre boas prácticas nos eido medioambiental, e falan das obrigas, dereitos e deberes que todos temos para protexer o noso medio natural", afirma o presidente provincial.