Ben Cho Shey, protagonista literario no colexio que leva o seu nome, en Pereiro de Aguiar

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, destacou que o libro Ben Cho Shey inédito "é unha magnífica iniciativa que nos achega a personalidade e á traxectoria humana, literaria e investigadora de Ben Cho Shey; está contado de maneira áxil e directa, e contén ademais fotografías e cartas inéditas que nos permiten coñecer interesantes aspectos da súa vida".

O autor, Paco López-Barxas destacou ao Ben Cho Shey mestre e escritor, salientando as súas obras Santa Marta de Moreiras, "un libro onde estuda os xogos e costumes de nenos e maiores, así como o mundo dos afiadores e a súa fala, o Barallete", e outra obra, o Catón Galego, "o libro co que en tempos de Ben Cho Shey o escritor ensinaba aos nenos a ler na nosa lingua".

Ourense, 3 de decembro de 2019.- O escritor, mestre e investigador ourensán Xosé Ramón Fernández-Oxea, Ben Cho Shey, foi o protagonista literario hoxe na presentación da súa biografía, Ben Cho Shey inédito, obra do escritor Paco López-Barxas, no colexio que leva o nome do insigne intelectual galego, situado en Pereiro de Aguiar. O acto contou coa participación do presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar; do autor do libro; do alcalde da localidade, Luis Menor; do editor Xosé A. Perozo, e do director do centro educativo, Antón Gómez, coa asistencia de máis dun cento de alumnos e profesores do colexio.

Baltar destacou que a realización deste libro "é unha magnífica iniciativa que nos achega a personalidade e á traxectoria humana, literaria e investigadora de Ben Cho Shey; está contado dunha maneira áxil e directa, e contén ademais unha serie de fotografías e cartas inéditas que nos permiten coñecen en detalle interesantes aspectos da súa vida". O presidente do goberno provincial afirma que esta é a liña que debemos seguir: "Forma parte do ADN da institución provincial o feito de promover a obra de grandes ourensáns, e entre eles, Ben Cho Shey está no cumio". A Deputación de Ourense e Auga Editora publican "esta obra que é unha homenaxe a Ourense e que pon en valor a Xosé Ramón Fernández Oxea, a súa obra e a súa altura intelectual", remarcou o presidente.

Pola súa banda, Paco López Barxas destacou ao Ben Cho Shey mestre e escritor, salientando as súas obras Santa Marta de Moreiras (1969), "un libro onde estuda os xogos e costumes de nenos e maiores, así como o mundo dos afiadores e a súa fala, o Barallete", e o Catón Galego (1969), "que era o libro que en tempos de Ben Cho Shey ensinaba aos nenos a ler en galego". De ámbolos dous libros cúmprese medio século da súa publicación.

Ben-Cho-Shey inédito recolle en 230 páxinas textos, fotografías, documentos e un importante epistolario. O libro conta a historia de Xosé Ramón Fernández Oxea, que é tamén a historia dun dos integrantes sobranceiros da Xeración Nós –xunto a Otero Pedrayo, Risco, Cuevillas e Castelao-, en tanto que mestre e conferenciante, etnógrafo e historiador, xeógrafo e arqueólogo, bibliófilo e xornalista, prosista e poeta, defensor da lingua e notario de Santa Marta de Moreiras, cumio da súa obra. Así, desde a súa veciñanza en Madrid, o autor da obra achéganos ao Ben-Cho-Shey abandeirado da ourensanía máis galega e universal do século XX.