Homenaxe na Gudiña ao histórico membro da Cruz Vermella Jesús Barros

  • O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, destacou "o seu carácter institucional e vitalista, un dos mellores políticos que tivo a provincia de Ourense e unha persoa cunha gran faceta social: Barros foi un exemplo de solidariedade e de xenerosidade", dixo

  • No acto, que se desenvolveu na Casa do Concello e na oficina da Asemblea Comarcal da Cruz Vermella, participaron, asemade, familiares de Jesús Barros; o alcalde da Gudiña, José María Lago; o presidente provincial da Cruz Vermella, Felipe Ferreiro; a presidenta comarcal de Cruz Vermella, Pilar Vega, amigos de Jesús Barros e veciños da contorna

Ourense, 2 de decembro de 2019.- Unha homenaxe a unha persoa que foi todo solidariedade. Así se resume o emotivo acto que tivo lugar hoxe na Gudiña na honra do histórico membro da Cruz Vermella Jesús Barros, no que participou o presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, quen destacou de Barros "o seu carácter institucional e vitalista". "Foi un dos mellores políticos que tivo a provincia de Ourense –dixo o presidente-, unha persoa cunha gran faceta social: un exemplo de solidariedade e de xenerosidade". Baltar lembrou que coñeceu a Barros nos anos oitenta, cando el mesmo entrou na Cruz Vermella, e destacou do homenaxeado a súa "sensibilidade social; foi un mestre para todos, unha honra telo coñecido", expresou o presidente do goberno provincial.

No acto, que se desenvolveu na Casa do Concello e na oficina da Asemblea Comarcal da Cruz Vermella, participaron, asemade, familiares de Jesús Barros; o alcalde da Gudiña, José María Lago; o presidente provincial da Cruz Vermella, Felipe Ferreiro; a presidenta comarcal de Cruz Vermella, Pilar Vega, amigos de Jesús Barros e veciños da contorna. Todos coincidiron en destacar o labor humanitario e de servizo público que Jesús Barros desenvolveu ao longo da súa vida. O acto, que tivo lugar no marco das actividades organizadas por Cruz Vermella con motivo da semana na que se conmemora o Día Internacional do Voluntariado.

Felipe Ferreiro comentou a especial vocación que Barros sempre tivo polas persoas máis vulnerables. "Foi capaz de contaxiar a súa sensibilidade e levar a moitas persoas a colaborar con Cruz Vermella durante os moitos anos nos que foi a alma desta asemblea", expresou, e a presidenta comarcal desta ONG en Viana e Conso-Frieras, Pilar Vega, dixo sentirse "moi afortunada por seguir a estela de quen foi o impulsor desta asemblea no rural, reivindicando o voluntariado, o valor de quen axuda sen recibir nada a cambio".

O fillo maior de Jesús Barros, Francisco, destacou en nome da familia, a Medalla de Prata da Cruz Vermella, que recibiu en 1982, e a Medalla de Ouro, en 2009, e salientou que a familia "quere compartir hoxe o recoñecemento co voluntariado que, a día de hoxe, aínda se mantén e cos que xa non están", que foron compañeiros do seu pai.

O alcalde da Gudiña expresou a honra que supón celebrar este acto na Casa do Concello, "que foi a casa de Jesús Barros durante máis de trinta a sete anos, unha persoa das máis importantes da Gudiña e que máis loitaron polo desenvolvemento destas terras", dixo Jose María Lago.

Ao remate do acto os asistentes trasladáronse ás oficinas da sede comarcal da Cruz Vermella onde descubriron unha placa honorífica que recolle a homenaxe que Cruz Vermella rende a Jesús Barros, "excepcional voluntario que exerceu labores de dirección e presidencia entre os anos 1973 e 2015, recibindo a Medalla de Ouro en 2009 pola súa xenerosidade, bonhomía, dedicación e legado en valores a esta organización humanitaria", sinala o texto.