Presentación da campaña de compostaxe doméstica 2013 que promoven a Deputación de Ourense e Sogama

  • Nove concellos da provincia desenvolverán este ano accións medioambientais de compostaxe, sumándose aos 45 municipios que xa o fixeron en anos anteriores.

  • Manuel Baltar, e o presidente de Sogama, Luis Lamas, concordaron en que campañas deste tipo contribúen a difundir e sensibilizar sobre boas prácticas no eido do medio ambiente.

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, e o presidente de Sogama, Luís Lamas, presentaron hoxe a campaña de compostaxe doméstica 2013, que se desenvolverá nos concellos de O Carballiño, Castrelo de Miño, Ribdavia, Rairiz de Veiga, Punxín, Viana do Bolo, A Veiga, A Rúa e Rubiá. Estes nove municipios súmanse aos que xa se veñen incorporando a esta campaña desde o ano 2010 -54 en total-, en virtude do convenio entre a institución provincial e Sogama en materia de compostaxe doméstica. O éxito alcanzado apoia a extensión deste servizo a novos concellos na mesma situación que os anteriores, os cales se beneficiarán das vantaxes ambientais, económicas e sociais que trae consigo a compostaxe caseira.

Manuel Baltar e Luis Lamas concordaron en que campañas deste tipo "contribúen a difundir e sensibilizar sobre boas prácticas nos eido medioambiental, e falan das obrigas, dereitos e deberes que todos temos para protexer o noso medio natural", explicou o presidente provincial.

Cada un dos nove concellos adscritos este ano á campaña recibirá unha media de 25 recipientes composteiros –o que sumado aos anteriores anos da un total de máis de 2.000 composteiros-, co obxectivo de conseguir a reciclaxe da materia orgánica en orixe para obter un abono natural de excelentes propiedades fertilizantes para o solo (xardíns, hortas e terras de cultivo). Isto permite diminuír a frecuencia de recollida do contedor convencional, entregando menos toneladas de lixo a Sogama e, polo tanto, reducindo o importe da factura a pagar a esta entidade pública.

Tamén, dende a perspectiva social, evítanse os continuos desprazamentos que a poboación do rural, polo xeral envellecida, debe realizar aos contedores, pechando así o ciclo de aproveitamento dos restos orgánicos nos propios fogares.

Pero o programa, máis aló de contemplar o reparto de composteiros, reforzarase cunha ambiciosa campaña educativa e de formación ambiental para que os usuarios poidan levar a cabo a súa tarefa, desenvolvendo a técnica de fabricación de compost de forma axeitada e controlando todos os factores que poden incidir no resultado final.

Financiamento

A iniciativa, dotada con 25.000 euros, será financiada a partes iguais pola Deputación de Ourense e Sogama, encargándose esta última da edición de material didáctico e divulgativo. Pola súa banda, o ente provincial responsabilizarase do control do desenvolvemento da campaña, asumindo a dirección e supervisión dos traballos realizados, participando nos labores de comunicación orientados aos representantes políticos e técnicos dos concellos participantes e supervisando os contidos a difundir nas correspondentes xornadas formativas.

Tamén asumirá o seguimento, xa que persoal especializado será o encargado de visitar casa por casa para comprobar o labor dos participantes, resolver dúbidas e corrixir erros. Esta tarefa considérase esencial de cara a alcanzar o obxectivo da actuación, que non é outro que obter un compost de calidade que cumpra con todos os parámetros da normativa vixente para ser aplicado na agricultura con absolutas garantías.