A Deputación de Ourense adapta os baños do Pazo dos Deportes para persoas ostomizadas

  • Rosendo Fernández destacou hoxe na visita a estas novas instalacións que converten ao "Paco Paz", "no primeiro edificio público da provincia, á marxe dos centros hospitalarios, en adaptarse a estas necesidades".

Ourense, 5 de abril de 2019.- A Deputación de Ourense vén de instalar os baños adaptados para persoas ostomizadas no Pazo dos Deportes "Paco Paz", "converténdose así no primeiro edificio público da provincia, á marxe dos centros hospitalarios, en adaptarse a estas necesidades, para facer de Ourense unha cidade máis inclusiva", destacou o vicepresidente do goberno provincial, Rosendo Fernández, quen visitou hoxe estas novas instalacións acompañado polo asesor de Deportes da Deputación, Bernardino González; e polo presidente e a coordinadora de proxectos de ACCU Ourense, Fernando Jiménez e Chari Álvarez.

De acordo á Lei 10/2014, do 3 de decembro, de accesibilidade, debe proverse de baños adaptados para as persoas con ostomías para que poidan empregar os aseos dos edificios públicos e privados en condicións de igualdade, seguridade e comodidade, co fin de aumentar a súa autonomía persoal e vida independente. Na provincia de Ourense, son "máis de 800 as persoas ostomizadas", salientou Fernando Jiménez.

Estas actuacións levadas a cabo nos baños do Pazo dos Deportes atende ás demandas de ACCU Ourense, "ao observar que cando as persoas ostomizadas deben vaciar a súa bolsa, atópanse con que os equipamentos dos baños adaptados para persoas con discapacidade carecen dos mecanismos necesarios para asegurar un vaciado seguro e hixiénico", explicou o presidente da entidade, quen insistiu en que moitas das persoas ostomizadas "ven como esta situación lles afecta a súa vida social, dado que a falta de baños adaptados ás súas necesidades dificúltalles a normalización das súas actividades". Pola súa parte, Chari Álvarez salientou a colaboración da empresa ourensá Aceros Argimiro, "encargada de deseñar e crear os baños, colaborando activamente con nós e de xeito altruísta".