Baltar destaca na entrega dos premios "María Luz Morales" o apoio de Ourense ao audiovisual galego, "un respaldo á cultura con maiúsculas"

  • Este galardón, que promove e difunde a investigación científica neste sector, está organizado pola Academia Galega do Audiovisual e ten como obxectivo fomentar a creatividade e render homenaxe a María Luz Morales, pioneira na crítica cinematográfica española e figura destacada na defensa do galeguismo e dos dereitos da muller.

  • O presidente da Deputación de Ourense salientou, no acto celebrado no centro cultural "Marcos Valcárcel" dentro da "Ourense ICC Week", "o destacado compromiso do goberno provincial con este ámbito tan importante da creatividade, "como demostramos organizando en tempo récord a 23ª edición do Festival de Cine de Ourense".

Ourense, 3 de abril de 2019.- O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, destacou hoxe na III edición dos premios "María Luz Morales" de ensaio e videoensaio sobre o audiovisual o apoio de Ourense ao audiovisual galego, "un respaldo á cultura con maiúsculas". O galardón, que promove e difunde a investigación científica neste sector, está organizado pola Academia Galega do Audiovisual e conta coa colaboración das catro deputacións galegas. Ten como obxectivo fomentar a creatividade e render homenaxe a María Luz Morales, pioneira na crítica cinematográfica española e figura destacada na defensa do galeguismo e dos dereitos da muller.

O presidente da Deputación de Ourense salientou, no acto celebrado no centro cultural "Marcos Valcárcel" dentro da "Ourense ICC Week", "o destacado compromiso do goberno provincial con este ámbito tan importante da creatividade, "como demostramos organizando en tempo récord a 23ª edición do Festival de Cine de Ourense, con éxito de público e crítica e no que seguimos a traballar para consolidalo como o festival do cinema de Galicia".

Así mesmo, o presidente da Deputación recoñeceu o labor de Carlos Ares como presidente da Academia Galega do Audiovisual e salientou a importancia de cooperar entre administracións e tamén co sector privado. "O apoio ao audiovisual e aos novos creadores é clave para avanzar no progreso cultural dos pobos, porque sen cultura non hai país", dixo Baltar, quen se referiu tamén ao respaldo da Deputación de Ourense a proxectos como a próxima produción audiovisual do cineasta ourensán Xavier Bermúdez ou o filme "Elisa e Marcela", de Isabel Coixet, cuxos escenarios son a provincia de Ourense, un gran plató de cine", expresou.

No acto de hoxe tamén participaron o presidente da Academia Galega do Audiovisual, Carlos Ares; o deputado de Cultura da Deputación de Lugo, Eduardo Vidal; a representante do xurado dos III Premios "María Luz Morales", Carme Nogueira; e os gañadores do certame. Carlos Ares destacou que nesta edición "foi na que se presentaron máis traballos, o que demostra a consolidación do premio e o pulo do sector audiovisual no noso país".

O certame abrangue dúas modalidades: obras de investigación en formato de texto (ensaios escritos) e en formato audiovisual (videoensaios), e dúas categorías: unha do ámbito internacional e outra de ensaios relacionados co audiovisual galego. O premio, un por cada categoría, ten unha dotación de 1.200 euros, ao que se suma a publicación e difusión dos traballos por parte da Academia Galega do Audiovisual.

Nesta terceira edición, o Premio Ensaio Escrito sobre Audiovisual Galego foi para José Coira e o accésit Ensaio Escrito sobre Audiovisual Galego foi para Sara Donoso. O Premio Videoensaio sobre Audiovisual Galego recaeu en Sara Varela, mentres que o accesit Videoensaio sobre Audiovisual Galego foi para Irene Basanta. O Premio Ensaio Escrito sobre Audiovisual Internacional foi para Xurxo González e o accésit desta categoría foi para Antón Varela. Por último, o premio Videoensaio sobre Audiovisual Internacional recaeu en Eire García e o accésit en Denisse Lozano.

Programación da Ourense ICC Week

Por outra banda, a programación da Ourense ICC Week contou esta mañá coa celebración dunha xornada centrada na arquitectura e o deseño como un valor que merece ser protexido, que tivo lugar na escola EASD Antonio Faílde de Ourense e coa participación da xornalista e historiadora Anatxu Zabalbeascoa. Pola tarde continúan as actividades no centro cultural "Marcos Valcárcel" onde o xornalista e crítico musical Víctor Lenore, do diario dixital VozPopuli, será o encargado de entrevistar, nun acto aberto ao público, ao músico e produtor musical Teddy Bautista. Trátase dunha novidosa temática, a da actualidade, que este ano se suma á programación desta quinta edición da Semana das Industrias Culturais e Creativas.

Finalmente, a xornada de hoxe remata coa participación do xornalista Iker Jiménez, presentador do programa Cuarto Milenio, quen ofrece aos espectadores de Ourense o seu último formato, "Cara a Cara", acto que terá lugar a partir das 20.00 horas, no Teatro Principal. Trátase dunha experiencia directa co público, sendo a clave deste formato a interacción entre o xornalista e os asistentes, sen guión, nin estrutura, para falar e debater sobre o mundo do misterio.