Manuel Baltar lamenta o pasamento do presidente de honra de La Región, José Luis Outeiriño

Ourense, 27 de marzo de 2019.- O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, lamenta profundamente o pasamento do presidente de honra de La Región, José Luis Outeiriño, salientando "a figura humana e a traxectoria profesional dun dos ourensáns máis grandes de todos os tempos".

"A memoria dos grandes acontecementos sempre perdura. Tamén a das persoas que contribúen a transformar o mundo que nos rodea facendo da convivencia, a concordia e o progreso o seu motor vital. José Luis Outeiriño era unha desas persoas. Un dos ourensáns máis grandes de todos os tempos, cuxo espírito emprendedor, a súa defensa da ourensanía, e a súa crenza na comunicación como canle de unión e factor de competitividade, convertérono en referente", afirma Manuel Baltar.

O presidente do goberno provincial expresa que "cando o reloxo deixa de contar horas e as lembranzas son as que marcan o tempo, figuras como a de José Luis Outeiriño fanse aínda máis presentes, porque o que deixan tras de si convértese en Historia- con maiúsculas-, como a que el soubo construír na súa querida Ourense coa comunicación, e desde a comunicación, e tamén creando o maior proxecto de turismo deportivo do noso territorio provincial: a estación de montaña de Manzaneda".

"Honrar a José Luis Outeiriño –destaca Manuel Baltar- significa defender con el os valores máis importantes da comunicación: integridade, independencia, liberdade e o compromiso de compartir saberes que é, posiblemente, a mellor maneira de convivir. Así transitaba el pola vida, coa determinación dos xenuínos, co compás marcándolle sempre un norte: "Ourense". Era un dos nosos pero, á vez, pertencía a todos os que temos a convicción de que ser ourensán abrangue a máxima tolerancia, porque se de algo sabemos nesta terra é de afiar concordia".

O presidente da Deputación afirma que "os nosos emigrantes coñecen ben este sentimento. Durante decenios mesturárono con sacrificio, innovación e capacidade para superar todos os retos que a vida lles puña por diante. Igual que José Luis Outeiriño, que levaba consigo aló onde ía esa bonhomía tan súa e tan chea de enxeño, pero sempre compartindo, que é como se escribe, de certo, a palabra "amizade".

"Como presidente do goberno provincial sinto orgullo de que a nosa provincia conte cunha figura do alto relevo humano de José Luis Outeiriño. A canle de comunicación que abriu, ancha e longa como unha aperta fraterna, permanecerá por sempre na lembranza da nosa terra. Como ten de ser, como seguirá sendo, por xustiza histórica cun dos grandes facedores de Ourense. Descanse en paz", conclúe Baltar.