Máis de 350 alumnos celebran o VII Día da Auga, da Árbore e da Poesía, na Insua dos Poetas

  • Manuel Baltar participou hoxe nesta celebración para conmemorar estas efemérides cultural e medioambiental, "un espectáculo vencellado ás palabras identidade e dignidade".

  • O alumnado, procedentes dos centros da comarca do Carballiño e do colexio convidado CEIP do Foxo, realizaron diversas actuacións artística centradas na defensa do medio ambiente, da lingua e da cultura galega.

  • Así mesmo, ao remate do acto, o presidente da Deputación de Ourense inaugurou a peza escultórica Kalíope, Musa da Poesía, obra do artista Acisclo Manzano, á redor da cal, o alumnado plantou diferentes árbores autóctonas.

Ourense, 20 de marzo de 2019.- O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar participou hoxe na celebración do VII Día da Auga, da Árbore e da Poesía, na Insua dos Poetas, no Carballiño, onde máis de 350 alumnos de primaria, secundaria e bacharelato, procedentes dos centros de ensino públicos e privados da comarca do Carballiño e do colexio convidado CEIP do Foxo (A Estrada), protagonizaron diversas actuacións artísticas centradas na defensa do medio ambiente, da lingua e da cultura galega.

O presidente da Deputación de Ourense destacou o papel dos protagonistas da xornada, "os nenos e nenas que son o futuro de Ourense e de Galicia e que fixeron coas súas actuacións un espectáculo vencellado ás palabras identidade e dignidade, falando na nosa lingua, o noso maior tesouro, tal e como o recolle o Estatuto de Autonomía e, mentres haxa mocidade que fale en galego, que lean a tódolos que fixeron de Galicia algo tan grande, o futuro está asegurado".

Así mesmo, Manuel Baltar agradeceu a Luís González Tosar a posta en marcha de proxectos desta índole que a Deputación de Ourense "sempre apoiará" e felicitou ao "ourensán universal" Acisclo Manzano pola "obra senlleira Kalíope" que desde hoxe pasa a formar parte da Insua dos Poetas.

No acto tamén participou o presidente da Fundación Insua dos Poetas, Luís González Tosar; o conselleiro de Cultura, Román Rodríguez; o alcalde do Carballiño, Francisco Fumega; e o director do CEIP do Irixo, Carlos Bericat.

Esta peza escultórica Kalíope, Musa da Poesía, obra do artista ourensán Acisclo Manzano, inaugurada hoxe na celebración do Día da Auga, da Árbore e da Poesía "vai a ser a que rexa toda a Insua dos Poetas", sinalou Tosar. E, neste mesmo sentido, o alcalde do Carballiño agradeceu a Tosar, á Xunta de Galicia e á Deputación de Ourense "por facer posible que esa utopía se fixera realidade e que permite que teñamos un dos parques escultóricos máis importantes de Galicia".

Pola súa parte, o conselleiro de Cultura lembrou que a Insua dos Poetas posibilita "realizar actos tan fermosos como os de hoxe onde se mestura a natureza salvaxe cunha serie de esculturas que están a convertelo nun dos mellores parques escultóricos ao aire libre". Asemade, Román Rodríguez destacou "o traballo e o esforzo dos máis cativos, e dos seus profesores, coas súas actuacións que fixeron á poesía aínda máis fermosa".

Trala inauguración da obra escultórica, o alumnado plantou ao redor da escultura, diferentes árbores autóctonas. A Insua dos Poetas "naceu hai dez anos, e dous anos despois decidimos que unha das actividades que aquí se celebraran debía ser sempre a entrada da primavera que significa un cambio de ciclo, a esperanza da nova natureza que deixa atrás o inverno e no que nos presenta un futuro esperanzador", explicou Luís González Tosar, quen lembrou que un dos principios que "rexen esta república dos soños, da arte e da palabra é o agradecemento".

A Fundación "Insua dos Poetas", declarada de Interese Galego, ten como fins a promoción e o fomento da lingua e da cultura galegas, a defensa do medio natural e o diálogo entre natureza, artes plásticas e literatura.