Deputación de Ourense e Universidade de Vigo ofertan 600 prazas para os Cursos de Verán do Campus

  • Manuel Baltar e Salustiano Mato presentaron hoxe a oferta formativa que inclúe cursos relativos a economía, empresa, medio ambiente, audiovisual, comunicación e enoloxía.

  • No acto presentáronse tamén as Bolsas "Ourense Exterior", unha iniciativa que ten como obxectivo formar a universitarios estranxeiros, descendentes de galegos, en másters de turismo, saúde, tecnoloxía, informática, ciencias do clima e dereito.

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, o reitor da Universidade de Vigo, Salustiano Mato, e o presidente do Consello Social desta universidade, Ernesto Pedrosa, presentaron esta mañá no Centro Cultural "Marcos Valcárcel", os Cursos de Verán do Campus de Ourense e o programa de Bolsas "Ourense Exterior", actividades que se desenvolverán ao longo dos vindeiros meses.

No que atinxe aos cursos de extensión universitaria, a temática que abordan este ano refírese a temas economía, empresa, medio ambiente, audiovisual, comunicación e enoloxía. Os cursos, para os que se ofertan 604 prazas, terán lugar entre os meses de xuño e setembro en diferentes localidades da provincia: Ourense capital, Muíños, Allariz, Celanova e Sandiás, e as taxas que os interesados teñen que aboar van desde os 30 euros aos 110 euros, dependendo da duración e da temática do curso.

Ademais, deberán cumprimentar a ficha de inscrición e formalizar a matrícula en calquera dos lugares que a Universidade de Vigo pon a súa disposición, presentando o xustificante de pagamento, a ficha cuberta, a credencial de bolseiro/a de ser o caso e unha copia do DNI. Os alumnos contarán con transporte gratuíto para facilitar a asistencia aos cursos que se celebren fóra da cidade de Ourense., e aos membros da comunidade universitaria descontaráselle o 25% do prezo das taxas dos cursos e un 50% ao alumnado da Universidade de Vigo que goce dunha bolsa do Ministerio de Educación ou doutro tipo de axuda por motivos económicos.

Manuel Baltar destacou que tanto estes cursos de verán como as bolsas "Ourense Exterior" "son una importante mostra da colaboración existente entre a Deputación de Ourense e a Universidade de Vigo, un compromiso que ámbalas dúas institucións temos a prol da formación da nosa xuventude e dos nosos universitarios para procurar o mellor para eles para a provincia de Ourense".

Os interesados en inscribirse nos cursos poden acadar máis información na Área de Servizos á Comunidade do Campus de Ourense (988 387 102), ou na web: www.vicou.uvigo.es

Bolsas "Ourense Exterior"

En canto ás Bolsas "Ourense Exterior", o programa oferta 10 bolsas individuais para cursar estudos universitarios de primeiro curso de máster oficial, en matrícula ordinaria, nas diferentes titulacións de posgrao presenciais que se imparten no Campus de Ourense da Universidade de Vigo. Van dirixidas a universitarios estranxeiros que sexas descendentes de galegos.

Para poder participar neste programa, os beneficiarios deben ser emigrantes ourensáns, galegos ou/españois, ou os seus descendentes ata o segundo grao inclusive, residentes no exterior. Os interesados deberán formalizar a súa solicitude no sito web http://ourenseexterior.depourense.es antes do 22 de xuño do 2013.

A bolsa cubre os gastos das taxas de matriculación, o aloxamento durante o curso na Residencia Universitaria, ademais de axudar cos custos da viaxe ata 600 euros. O financiamento das bolsas provén das achegas da Deputación de Ourense que destina 10.000 €; do Consello Social da Universidade de Vigo que aporta 8.000 €, e a Universidade de Vigo que asumirá o gasto da Residencia Universitaria de Ourense.