"Corpo, natureza e conciencia", de Alberto Pena, no centro cultural "Marcos Valcárcel"

  • A exposición, que será inaugurada hoxe ás 20.00 horas, poderá visitarse ata o día 17 de febreiro.

Ourense, 10 de xaneiro de 2019.- O centro cultural "Marcos Valcárcel" da Deputación de Ourense comeza este novo ano coa mostra "Corpo, natureza e conciencia", na que o artista Alberto Pena, traslada aos lenzos a súa paisaxe interna, cunha exposición distribuída polas instalacións do hall e da sala cero deste espazo cultural. A presentación da exposición tivo lugar hoxe no centro cultural, acto no que participou o vicepresidente da Deputación de Ourense, Rosendo Fernández; o director do centro cultural, Francisco González; e o propio artista.

O vicepresidente da Deputación de Ourense destacou o papel que exerce o centro cultural "como canle de difusión cultural desde Ourense para o mundo, con traballos de novos creadores e de artistas consagrados, e que neste caso, ofrece aos visitantes, a oportunidade de ver unha exposición centrada na triloxía "corpo, natureza e conciencia", onde o artista mostra as dualidades que están presentes no mundo como a vida e a morte, a orde e caos, con imaxes que teñen a capacidade de superar esas contradicións".

A mostra mantén o formato da súa antecesora, a exposición inaugurada na 23ª edición do OUFF con retratos de actores e actrices, ocupando non só a sala cero do centro, senón tamén o hall, "para que as persoas que nos visiten se atopen na entrada con diferentes proxectos artísticos cada vez que veñan", explicou o director do centro cultural, quen salientou da mostra que son obras "vencelladas á natureza, ao ser humano e ao seu corpo, nas que Alberto Pena emprega técnicas moi contemporáneas".

Neste mesmo sentido, o artista explicou que o proceso de creación comeza na "paisaxe que me rodea, busco natureza como un recolector, lévoa ao estudo e convértoa en símbolos, a través dun proceso tan antigo como é a técnica da impronta, a cal emprego con técnicas tan contemporáneas como o uso de spray". A nivel conceptual esta mostra trata de integrar o organismo coa natureza, é dicir, "trasladar aos lenzos a miña paisaxe interna", sinalou Alberto Pena. Así mesmo, o artista dixo que nesta mostra, os visitantes atoparanse con obras nas que "creo imaxes reparadoras, que asocio coa psicoloxía humanista, coa psicoterapia, porque a idea é que a creación artística significa traballo interior, como unha transformación vital, polo que os cadros mostran o meu crecemento persoal tamén". Por último, nas obras tamén están presentes as polaridades, "hai como dúas cousas confrontadas, pero a imaxe ten a capacidade de integrar historias que están confrontadas e superar contradicións", explicou Alberto Pena.

"Corpo, natureza e conciencia", que se inaugurará hoxe ás 20.00 horas, poderá visitarse ata o día 17 de febreiro.