A XIII edición do Festival Internacional Rebulir destaca a solidariedade e a interculturalidade

  • O obxectivo desta celebración –dedicada este ano aos doantes de sangue, órganos e tecidos- é reivindicar a igualdade desde unha perspectiva educativa.

  • O festival, que se celebrará desde hoxe ata o 23 de decembro, contará coa participación de grupos de Galicia, da Comunidade Valenciana, Castela e León, México, Cantabria, Portugal e Guinea.

  • Os premiados desta edición son Guadi Galego (música galega), Carlos Blanco (artes escénicas), e a Romaría Raigame (premio homenaxe).

Ourense, 20 de decembro de 2018.- A XIII edición do Festival Internacional Rebulir (FIR) celebrarase, desde hoxe ata o 23 de decembro, baixo o lema "Latexando tradicións", co obxectivo de continuar a reivindicar a interculturalidade e igualdade desde unha perspectiva educativa por medio das actividades do evento. A presentación deste evento cultural tivo lugar hoxe no Pazo Provincial, acto no que participou o vicepresidente da Deputación de Ourense, Rosendo Fernández; a delegada da Xunta en Ourense, Marisol Díaz; o alcalde de Ramirás, Juan Carlos Rodríguez; o director artístico do FIR, Alexandre Sotelino; e a directora xeral da Axencia de Doazón de Órganos e Sangue (ADOS), Marisa López.

Rosendo Fernández dixo que se trata dun evento "consolidado no calendario cultural da nosa provincia, que achega durante estas sinaladas datas, música e danza tradicional, a tódolos ourensáns, poñendo en valor a cultura con letras maiúsculas". Así mesmo, o vicepresidente da Deputación de Ourense felicitou a tódolos que fan posible que se celebre esta edición, polo seu "compromiso e esforzo coa nosa cultura tradicional, ofrecendo unha programación cunha variada música étnica e tradicional e procurando a implicación da veciñanza" e destacou tamén o labor que desenvolve a Asociación Cultural Rebulir "a prol da cultura convertendo que o FIR sexa xa un referente máis aló das nosas fronteiras". Neste mesmo sentido, o director artístico salientou que o Ministerio de Cultura lles concedera este ano o emblema "Año Europeo do Patrimonio Cultural", "o cal é unha honra para nós pero tamén unha responsabilidade porque somos dos poucos festivais de música étnica en Galicia que existe".

O Festival conta cunha programación dirixida "a tódolos tramos de idade, porque queremos chegar a tódolos recunchos de Ramirás, da comarca e da provincia, na súa esencia", sinalou Alexandre Sotelino, quen adiantou que nesta edición participarán, ademais do grupo anfitrión Rebulir, colectivos procedentes da Comunidade Valenciana, Castela e León, México, Cantabria, Portugal e Guinea.

Os premiados desta edición serán na categoría do Premio Rebulir Música Galega, Guadi Galego; o Premio Rebulir Artes Escénicas será para Carlos Blanco; e, por último, o Premio Rebulir Homenaxe recae nesta ocasión na Romaría Raigame. Asemade, o director artístico do FIR lembrou "a dous premiados en anteriores edicións Lois Antón, quen faleceu recentemente, e a Kepa Junkera que se recupera en Bruxelas dun ictus".

Latexando tradicións

Alexandre Sotelino explicou que o lema deste ano ten a súa razón de ser en que esta edición está dedicada "aos doadores de sangue, órganos e tecidos, porque non importa a procedencia nin a aparencia, todos somos por dentro vermellos, a sangue é a que nos une e non hai nada máis común ca parte física das persoas". Pola súa parte, Marisa López agradeceu ao Festival a súa sensibilidade "pola actividade que desempeñamos en ADOS a prol da doazón e, en consecuencia, polo solidario xesto da doazón que tanto caracteriza aos galegos, precisamente neste ano, que conmemoramos os 25 anos de traballo, un traballo que supuxo un cambio radical na hemodoazón en Galicia".

A directora xeral da Axencia de Doazón de Órganos e Sangue salientou a "necesidade de continuar a traballar para manter as boas cifras, sobre todo, no que se refire á sensibilización e educación da xente máis nova", como vai a suceder no marco deste Festival con charlas didácticas que "ofreceremos mañá ao alumnado do CEIP "Rogelio García Yáñez" e na escola infantil "O Viso" e co stand informativo que teremos o día da gala central para que todo o mundo coñeza o noso labor e as posibilidades de doazón que existen".

O alcalde de Ramirás destacou a importancia que ten o desenvolvemento desta actividade para o municipio e agradeceu á Asociación cultural o seu traballo, destacando "o gran esforzo que supón manter viva esta iniciativa", mentres que Marisol Díaz dixo que a Xunta de Galicia colabora con este festival desde os seus inicios porque contribúe a que as nosas tradicións "sigan vivas e estean fortemente arraigadas, traballando a prol da cultura e con actividades para a mocidade". Asemade, a delegada territorial da Xunta en Ourense dixo que o folclore é "unha ferramenta extraordinaria de transmisión e intercambio".

Programación

O programa de actividades comeza hoxe ás 13.30 horas coa inauguración da exposición "As imaxes do Alén", no Centro Cultural do Picouto, e ás 15.00 horas, haberá animación na residencia de maiores "O Mosteiro". Pola tarde, haberá dous obradoiros, ás 19.30 horas xogos e bailes do mundo, e ás 21.00 horas, risoterapia etnomusical, ambas serán no Espazo Xove de Ourense, e serán impartidos por Xurxemurxe.

Mañá venres, 21 de decembro, as actividades comezarán ás 11.30 horas cun obradoiro que será impartido baixo o lema "#latexandotradición con ADOS", no CEIP "Rogelio García Yáñez" e na escola infantil "O Viso", en Ramirás. Ás 20.30 horas continuarán as actividades con animación do grupo da Comunidade Valenciana polas rúas de Celanova, rematando a xornada ás 22.00 horas, coa actuación do grupo de Cantabria no programa Luar da TVG.

O sábado, 22 de decembro, a programación comeza cunha saída á cidade de Ourense e ás termas e, pola tarde, ás 16.00 horas, haberá animación na residencia de maiores de O Mosteiro a cargo de Ce Orquestra Pantasma. A festa continúa ás 17.30 horas da man do grupo de Castela e León polas rúas e locais de Ramirás e, ás 18.30 horas, comezará a Feira turístico-gastronómica. A gala central será ás 19.00 horas no complexo polideportivo do Picouto, que será presentada por Ce Orquestra Pantasma, e na que se entregarán os Premios Rebulir da Cultura Galega 2018. Para rematar a xornada, ás 00.30 horas, á cafetería América de Celanova acollerá a JAM Sesion Intercultural.

Por último, o domingo, 23 de decembro, terá lugar unha visita á vila de Celanova, e ás 12.30 horas, o grupo de Castela e León animará ás rúas e locais de Ramirás.