Pazolandia, 26 anos como protagonista do ocio infantil no Nadal en Ourense

  • A iniciativa, que organiza anualmente a Deputación de Ourense no Pazo dos Deportes "Paco Paz", abrirá as súas portas do 26 de decembro ata o 4 de xaneiro do 2019.

  • As entradas para o parque de atraccións poderán adquirirse, por un prezo de 4 euros -3 euros para nenos que veñan a por medio dos concellos da provincia-, nas taquillas ou na web www.pazolandia.es.

Ourense, 20 de decembro de 2018.- O maior parque estacional de Galicia, Pazolandia, que organiza anualmente a Deputación de Ourense, continúa a ser, despois de 26 anos, o espazo de ocio do Nadal ourensán, que abrirá as súas portas no Pazo dos Deportes "Paco Paz" do 26 de decembro ata o 4 de xaneiro de 2019, con dúas sesións diarias, ofrecendo aos máis cativos un completo e variado programa de actividades. A presentación desta iniciativa tivo lugar no Pazo Provincial, acto no que participou o vicepresidente da Deputación de Ourense, Rosendo Fernández, e o coordinador da actividade, José Domarco.

O vicepresidente da Deputación de Ourense destacou o labor que realiza o goberno provincial a prol da infancia na nosa provincia con iniciativas que, como esta, pretenden ofrecer aos máis novos "actividades lúdicas, deportivas e culturais, porque o Nadal ourensán non se concibe sen Pazolandia". Así mesmo, Rosendo Fernández lembrou que son moitas as iniciativas que organiza a Deputación de Ourense dirixidas aos mozos da nosa provincia como o Programa EsquiOU, a Semana Escolar da Provincia, o Campamento da Ourensanía, entre outras actividades coas que se pretende que "coñezan mellor a provincia na que viven, o seu entorno máis próximo, para que valoren e aprecien as potencialidades do noso territorio".

Pazolandia, que comezou a desenvolverse no Nadal do ano 1993, ofrece máis de cen actividades diferentes que van desde as atraccións clásicas de feira, obradoiros, animación puntual, ludotecas, así como un multiespazo de videoxogos, obradoiro de realidade virtual, inchables, entre outras. A novidade deste ano é a gran atracción "Miami Rock" "para todas as idades, que nunca estivo en Galicia e que se estrea en Ourense", sinalou José Domarco. Así mesmo, tamén como novidade, haberá un espazo singular destinado a "máquinas de realidade virtual interactivas", un obradoiro de aprendizaxe de manexo de drons e un novo circuíto con patíns eléctricos de tres rodas tipo "scooter", sempre coa pretensión de "sensibilizar aos nenos do uso responsable destas novidades tecnolóxicas", explicou José Domarco.

A distribución das actividades será a seguinte: nos exteriores estarán as actividades dirixidas ao público de maior idade, no pavillón pequeno estarán as dos menores de seis anos e no pavillón grande ubicaranse as atraccións máis novidosas, deixando a primeira planta para os obradoiros. "O orzamento destinado a Pazolandia, que este ano subiu 15.000 euros para atraccións, ascende aos 105.000 euros", dixo José Domarco.

O prezo da entrada ao parque mantense en 4 euros e, para os nenos que veñen a través dos concellos da provincia o custe da entrada é de 3 euros. As entradas poderán adquirirse nas taquillas do recinto ou a través de Internet na páxina www.pazolandia.es.

O parque terá dúas sesións diarias, pola mañá das 11.00 ás 14.00 horas, e pola tarde será das 17.00 ás 20.00 horas, desde o 26 de decembro ata o 4 de xaneiro, e só permanecerá pechado o día 31 de decembro e o 1 de xaneiro pola mañá.

En total, Pazolandia ocupa unha superficie de 8.000 metros cadrados nos diferentes espazos do pavillón de deportes e nos exteriores da instalación. Na actividade traballan sobre 80 persoas, entre persoas das atraccións, limpeza, monitores de animación, técnicos electricistas e de mantemento, montadores, coidadores, taquilleiros, Cruz Vermella, médicos, vixilantes e persoal administrativo, para ofrecer nove días de actividades para un total de dezasete sesións.

Nesta edición, prevese unha asistencia de público de 25.000 persoas, das que 4.000 son de máis de cincuenta municipios da provincia que participarán na actividade, explicou o vicepresidente do goberno provincial, quen agradeceu ao persoal do Paco Pazo "o seu traballo, sen o cal non se podería levar a cabo esta iniciativa". Rosendo Fernández lembrou que o presidente da Deputación de Ourense "invitou por carta a unha importante representación de centros de acollida de nenos e entidades de diversas de carácter benéfico, para que ningún neno da provincia, por razóns económicas, deixe de participar en Pazolandia".