O OUFF clausura coa entrega de 12 premios, incluído a homenaxe a Mabel Rivera, e a proxección de 'Un hombre fiel'

  • As invitacións para asistir pódense recoller xa na caseta instalada na rúa do Paseo.

  • O Ourense Film Festival premiará ás mellores películas elixidas polo xurado e o público, entre outros galardóns.

  • Mabel Rivera recibirá o premio Fundación AISGE a unha traxectoria.

  • O acordeonista, ganador dun Grammy, Víctor Prieto actuará na gala.

  • 'Un hombre fiel' chega a Ourense despois de conseguir o premio ao mellor guión en San Sebastián.

Ourense, 4 de decembro.- A 23º edición do Ourense Film Festival (OUFF) chega a súa fin este mércores cunha gala moi especial á que seguirá a proxección da película francesa "Un hombre fiel". O acto terá lugar no Auditorio Municipal a partir das 21:00 horas, e as invitacións para asistir repartiranse tanto na caseta do festival instalada na rúa do Paseo durante toda a xornada como no despacho de billetes do Auditorio a partires das 18:00 horas.

A gala de clausura do OUFF será o momento de entregar os premios do certame aos mellores traballos en competición que se proxectaron nestes últimos días en Ourense. Nesta 23ª edición, os galardóns para as longametraxes da Sección Oficial son seis: mellor película, premio Fundación Carlos Velo ao mellor director, mellor banda sonora, premio especial do xurado, premio do público e premio Galicia - Xunta de Galicia. Así mesmo, entregaranse tres galardóns ás curtametraxes e outros dous aos mellores traballos na actividade Fas Muvis.

De igual xeito, a veterana actriz Mabel Rivera recibirá o premio Fundación AISGE a unha traxectoria, converténdose na terceira homenaxeada do festival, despois de que Xavier Bermúdez recibira a Calpurnia de Honra e Luis Tosar o premio Ourense. Mabel Rivera (Ferrol, 1952) é unha actriz de enorme experiencia teatral e cinematográfica, coñecida sobre todo polo seu papel na comedia de maior éxito da TVG, "Pratos Combinados", e na oscarizada película "Mar Adentro" de Alejandro Amenábar, pola que conseguiu entre outros o Premio Goya á Mellor Actriz de Reparto e o Premio Sant Jordi de Cinematografía á Mellor Actriz Española.

Música con Grammy

A gala de clausura ten o difícil reto de superar o bo sabor de boca que deixou a noite da inauguración do OUFF, e para iso conta con varias armas infalibles: os actores Rubén Riós e Mariana Expósito, que se encargarán de presentar a gala, mentres que a música a porán a pianista Olga Brañas, a violoncellista Sussana Blanco, o grupo de percusión Odaiko e un invitado moi especial. Víctor Prieto viaxou dende Nova York exclusivamente para tocar o seu acordeón no OUFF.

O músico ourensán, gañador dun Grammy, está considerado un dos mellores acordeonistas do mundo e na actualidade imparte clases maxistrais na Berklee College of Music en Estados Unidos. A súa actuación será, sen dúbida, un dos platos fortes da noite.

Outro dos momentos máis esperados é a proxección do filme francés "Un hombre fiel", de Louis Garrel, que chega a Ourense despois de recibir o premio ao mellor guión no Festival de San Sebastián, ex aequo coa película 'Yuli'.

A 23ª edición do OUFF pon fin así a 7 días de cine, música e literatura que foron posibles despois de tan só 7 semanas de traballo, coa organización e patrocinio da Deputación de Ourense e a Fundación Carlos Velo e o copatrocinio da Xunta de Galicia, Concello de Ourense, ABANCA, GADIS e Fundación AISGE.