O OUFF acollerá a estrea da película ourensá "Las Brujas de E'lente"

  • A primeira película de cine fantástico feita completamente en Ourense, estrearase o vindeiro 2 de decembro no Auditorio Municipal dentro da programación do Festival de Cine Internacional de Ourense.

Ourense, 8 de novembro de 2018.- O Auditorio Municipal acollerá o domingo, 2 de decembro, a partir das 18.00 horas, a estrea mundial da película ourensá '"Las Brujas de E'lente", no marco da celebración do Festival de Cine Internacional de Ourense (OUFF). Trátase da primeira película de cine fantástica feita completamente na nosa provincia que, tras cinco anos de duro traballo do seu director Simón Vázquez e do resto do equipo verá a luz durante o OUFF. A cinta contou coa colaboración da Deputación de Ourense así coma dos Concellos de Piñor, O Carballiño, San Amaro e Ourense, que tamén acolleron parte da rodaxe, facendo aínda máis especial a súa estrea.

En palabras do seu director, trátase "dun blockbuster-indie feito de forma artesanal con toneladas de paixón e esforzo e cunha historia ó máis puro estilo de Guillermo del Toro". Entre os seus protagonistas cabe destacar a actores e actrices tan recoñecidas coma Isabel Blanco, Luis Iglesia, Rubén Riós, Sabela Arán, Rosa Álvarez, Fernando González ou Xoel Yáñez, entre outros.

Estrea do tráiler

Para ir abrindo boca de cara ó día da posta de longo, hoxe estrearase un adianto nas redes sociais de "Las Brujas de E'lente" e na web http://volverasatemeralasbrujas.es/, no que se dará a coñecer a historia de Eva, a protagonista, unha moza que volve á casa dos seus pais para rescatar a súa irmá.

Esta película de terror e aventuras, que dá unha versión retorcida da mitoloxía bíblica, foi rodada a capas como se facía nos anos setenta e contou coa colaboración de diferentes mecenas que apoiaron o proxecto.