O polígono de San Cibrao é a contorna industrial "máis diversificada e con menos risco de deslocalización de Galicia"

  • Un estudo desenvolvido pola Deputación de Ourense, a Asociación de empresarios do polígono e a Universidade de Vigo destaca deste espazo "a súa flexibilidade e desconcentración".

  • Os resultados de "O Polígono en cifras", presentados hoxe, "achegan unha investigación económica baseada en 40.000 datos de empresas e sectores de actividade do polígono máis importante de Galicia, un exemplo de traballo, esforzo e asociacionismo", afirma Manuel Baltar.

  • O estudo, coordinado polo profesor Andrés Mazaira, permite dispoñer desde unha perspectiva agregada de información actualizada e coñecer a opinión, actitude e posición dos empresarios sobre temas estratéxicos.

  • Unha cifra de negocio de 100.000 millóns de euros, 8.500 traballadores, 4, 8 millóns de metros cadrados de superficie e 432 empresas, son algúns dos datos que analiza o informe, que sitúa ao polígono de San Cibrao como un referente industrial e empresarial no norte peninsular.

Ourense, 31 de outubro de 2018.- O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, dixo hoxe, na presentación das conclusións do estudo "O polígono en cifras", que este traballo investigador e de prospección "achega unha realidade económica e empresarial baseada en 40.000 datos de empresas e sectores de actividade do polígono máis importante da nosa comunidade autónoma, un exemplo de traballo, esforzo e asociacionismo", remarcou Baltar. No acto, celebrado na sede da Asociación de empresarios do polígono de San Cibrao das Viñas, o presidente do goberno provincial estivo acompañado polo titular da asociación, Elías Mera; o alcalde de San Cibrao, Manuel Pedro Fernández; o reitor da Universidade de Vigo, Manuel Reigosa, e o profesor Andrés Mazaira, coordinador do estudo.

Manuel Baltar dixo sentir o orgullo como ourensán "por contar na nosa provincia cun espazo industrial destas características, que a Deputación de Ourense segue apoiando", e agradeceu á asociación de empresarios e á universidade de Vigo "por contribuír a xerar valor no noso territorio, apostar polo equilibrio territorial e potenciar o noso sector económico e o noso medio rural". Baltar destacou "o traballo desenvolvido neste estudo polo profesor Mazaira e seu equipo, o cal contribuirá cos seus datos a marcar tendencia", e lembrou a disposición da Deputación de Ourense "para seguir desenvolvendo proxectos entre o ámbito público, privado e académico, que dean resposta aos desafíos que a nosa sociedade ten por diante".

O polígono máis diversificado

O estudo revela que o polígono de San Cibrao é a contorna industrial "máis diversificada e con menos risco de deslocalización de Galicia", "e permite dispoñer de información actualizada e coñecer a opinión, actitude e posición dos empresarios sobre temas estratéxicos", explicou Andrés Mazaira.

Unha cifra de negocio de 100.000 millóns de euros, 8.500 traballadores, 4, 8 millóns de metros cadrados de superficie e 432 empresas, son algúns dos datos que analiza o informe, que sitúa ao polígono de San Cibrao como un referente industrial e empresarial no norte peninsular.

Mazaira dixo que o traballo permite coñecer a situación actual das empresas do polígono, desde unha perspectiva dinámica e agregada, a partir da análise de datos reais e "ad hoc", "para poder reflexionar sobre os retos que teñen que afrontar ás organización empresariais, especialmente as de ámbito industrial, derivados dos procesos continuos de transformación económica e social, para poder definir estratexias de crecemento".

Así, revela que a antigüidade media das empresas domiciliadas no polígono sitúase nos 17 anos, e que os 8.500 traballadores que ten rexistrada esta contorna empresarial supoñen o 12 % de todo o emprego que xeran os dez asentamentos empresariais máis importantes de Galicia. Asemade, no rexistro de 432 empresas do polígono conviven firmas de sectores tradicionais con sociedades inspiradas nas tendencias da "nova economía, como a aeronáutica, os materiais avanzados ou o sector das TIC –especialmente concentradas en Tecnópole, o Parque Tecnolóxico de Galicia-. Unha diversidade que, explica Mazaira, "é unha das características clave do polígono de San Cibrao das Viñas, que destaca pola súa diversificación, flexibilidade, desconcentración e polo menor risco de deslocalización".

Tamén remarca o coordinador do estudo que máis do 94 % das afiliacións correspóndense co Réxime Xeral da Seguridade Social, "unha porcentaxe que se sitúa máis de 20 puntos por riba da media en Galicia, o que reflicte a capacidade xeradora de emprego e riqueza do polígono de San Cibrao".

No ámbito dixital, o estudo cifra en máis do 81 % as empresas do polígono que posúen páxina web, e destaca a importancia que as empresas outorgan á realidade da transformación dixital. Desta maneira, o 72 % valora as habilidade dixitais dos candidatos nos procesos de selección de persoal e a metade das compañías (50,7 %) dispoñen dunha persoa específica para as actividades de transformación dixital.

Finalmente, o estudo, que sitúa nunha alta valoración a confianza dos empresarios nos procesos de facturación, emprego, investimento e exportacións, subliña que o 51 % das empresas reciben ordes de compra a través de Internet, mediante unha ferramenta ou proceso específico, e que o 55,2 % das compañías comparte de forma automática información con clientes e provedores, destacando así o importante avance tecnolóxico experimentado.