A Deputación de Ourense organiza dous "Seminarios Arraianos" en Calvos de Randín e en Entrimo

  • Os encontros, que se enmarcan na primeira fase do proxecto "Vidas con historia", realizaranse os días 15 e 16 de setembro.

Ourense, 14 de setembro de 2018.- A Deputación de Ourense organiza os vindeiros días 15 e 16 de setembro dous "Seminarios Arraianos" enmarcados dentro da primeira fase do proxecto "Vidas con historia", un estudo sociolóxico sobre os modos e historias da vida dos habitantes da totalidade da Reserva da Biosfera Transfronteiriza Gerês-Xurés (en adiante RBTGX).

O día 15 de setembro desenvolverase o primeiro dos grupos de traballo no Concello de Calvos de Randín. O evento terá lugar ás 12.00 horas na Porta de Calvos de Randín (Centro de Interpretación do Couto Mixto), situada na antiga reitoral de Santiago de Rubiás. Mentres que, o domingo 16 de setembro, realizarase o segundo dos seminarios no Centro Social de Olelas, no Concello de Entrimo.

A través destes encontros ou workshops preténdese promover as historias vividas pola veciñanza da zona, exemplificada nas persoas que participaron no programa a través dunha entrevista, así como a súa relación co territorio. Un coloquio, aberto a toda a cidadanía que desexe participar, no que se debaterán diversos temas sobre a vida na raia: relacións familiares, amizade, o Couto Mixto, contrabando, fuxidos, festas...

"Vidas con historia" constitúe unha colección de relatos das persoas moradoras do lado galego da RBTGX. Corenta historias particulares que comporán un cadro vivo e moi elaborado da vida cotiá das aldeas e vilas dos seis concellos galegos da RBTGX, sobre a memoria da Guerra Civil, as penalidades da posguerra, os primeiros síntomas de mudanza dos anos 50 e o seu esfarelamento a partir dos anos 70, é dicir, de todo o que serva para dar a coñecer a Galicia do século XX. A finalidade deste traballo é conservar a memoria do modo de vida das xentes que habitan nestes municipios.

Os traballos desenvólvense no marco do proxecto GERÊS-XURÉS DINÁMICO, cofinanciado ao 75% polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) a través do Programa Interreg V A España – Portugal (POCTEP) 2014-2020, conxuntamente entre a Deputación de Ourense e ADERE, entidade portuguesa que desenvolve a súa actividade nas cinco cámaras municipais que forman parte do Parque Nacional da Peneda-Gerês.