O programa "Coñece Ourense" da Deputación amosou as bondades da provincia a máis de 2.100 alumnos

  • Manuel Baltar recibiu, no Mosteiro de San Pedro de Rocas, aos preto de 30 alumnos do IES Cidade de Antioquía que están a participar neste programa de difusión do patrimonio natural e arquitectónico-artístico para alumnos da E.S.O.

Ourense, 13 de marzo de 2018.- O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, recibiu hoxe no Mosteiro de San Pedro de Rocas, aos preto de 30 alumnos do IES Cidade de Antioquía que coñeceron a riqueza patrimonial e natural da Ribeira Sacra con motivo da súa participación no programa "Coñece Ourense" que desenvolve a Deputación de Ourense para difundir o patrimonio natural e arquitectónico-artístico da provincia a alumnado da E.S.O.

"Coñece Ourense" é un programa que está dirixido "aos ourensáns máis novos co obxectivo de difundir o patrimonio, a paisaxe e as bondades arquitectónicas que hai por tódolos recunchos da provincia de Ourense e contribúen a reafirmar a identidade das rapazas e dos rapaces", explicou o presidente do goberno provincial.

Desde que a Deputación de Ourense puxo en marcha esta iniciativa cultural no ano 2016, "participaron nela máis de 2.100 persoas e neste intre forman parte deste "Coñece Ourense" 2017/2018, 16 institutos da provincia", salientou Baltar, quen asegurou que o programa é "un éxito porque, a través del, o alumnado coñeceu máis o noso e descubriu tesouros como este Mosteiro de San Pedro de Rocas que, cando aínda non estaba posta a primeira pedra da Catedral de Santiago, aquí xa había vida intelixente moitos séculos antes".

Manuel Baltar destacou a importancia de desenvolver este tipo de iniciativas polas que "están aquí hoxe por primeira vez estes rapaces, no corazón dun enclave turístico e cultural de Galicia, como é a Ribeira Sacra, e que xunto con outros alumnos que forman parte doutras excursións noutras zonas da provincia, farán que esperte neles o seu interese por Ourense e queiran máis a esta provincia que merece ser coñecida por todos"

Trala visita ao Mosteiro de San Pedro de Rocas, a ruta continuou en Montederramo onde os alumnos descubriron, a través dunha visita guiada, o Mosteiro de Santa María para continuar trala comida, coa visita á Igrexa de Santa Cristina. Un dos monitores desta actividade, Adrián Novoa, explicou que con "actividades dinámicas e divertidas, os rapaces coñecen diferentes puntos de interese da provincia, unha iniciativa moi importante porque se non coñeces o que tes nunca vas a valoralo".

O programa oferta seis rutas culturais distintas: Bande-Entrimo, Ciencias Carballiño, Ribeira Sacra, San Cibrao de Lás-Arrabaldo, Verín, e Ciencias Ribadavia. Este ano incorporáronse algunhas novidades ao programa como son dúas excursións relacionadas coa area de ensino das ciencias, que inclúen visitas a viñedos e bodegas do Ribeiro para coñecer o proceso produtivo do viño e aos Laboratorios Iuvenor nos que se explica o proceso de elaboración de diferentes produtos estéticos. Asemade, hai novas incorporacións ás visitas como a Casa do Museo de Otero Pedrayo e os Museos do Traxe e de Estanislao Reverter da Deputación, en Santa Cruz de Arrabalda.

Os Institutos que forman parte das excursións programadas para o 2017/2018 son: IES Eduardo Blanco Amor (Ourense), CPR Padre Feijoo-Zorelle (Ourense), CPR Plurilingüe Vila do Arenteiro (O Carballiño), IES Ferro Couselo (Ourense), IES Castro de Boronceli (Verín), IES O Couto (Ourense), IES Cidade de Antioquía (Xinzo de Limia), IES Lagoa de Antela (Xinzo de Limia), Colexio Santo Ángel (Ourense), IES Cosme López Rodríguez (A Rúa), IES Ramón Otero Pedrayo (Ourense), Colexio Pablo VI (A Rúa), IES San Mamede (Maceda), IES Xesús Taboada (Verín), IES O Ribeiro (Ribadavia), e IES Lauro Olmo (O Barco de Valdeorras).