A Comarca de Ourense xera o 5,5 % do emprego galego nos sectores de media-alta tecnoloxía

  • A Deputación presentou o Observatorio Económico dos concellos da comarca de Ourense.

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, e o xerente do Instituto Ourensán de Desenvolvemento Económico (Inorde), acompañados polo alcalde de Barbadás, José Manuel Freire Couto, presentaron hoxe (18.00 horas) no Centro Empresarial Transfronteirizo de Barbadás o Observatorio Económico da Comarca de Ourense, que abrangue os concellos de Amoeiro, Barbadás, Coles, Esgos, Nogueira de Ramuín, Ourense, Pereiro de Aguiar, a Peroxa, San Cibrao das Viñas, Taboadela, Toén e Vilamarín.

As conclusións máis destacadas do informe reflicten que, cun total de 2.300 postos de forte especialización, a comarca de Ourense xera o 5,5% do emprego galego nos sectores de alta e de media-alta tecnoloxía. E sobre o conxunto da provincia, concentra o 65% deste tipo de postos de traballo.

En xeral, a comarca de Ourense destaca pola relativa fortaleza dos sectores tecnolóxicos e pola súa especialización nestas actividades. Por outra banda, as estatísticas de creación de centros de traballo e de evolución das afiliacións á Seguridade Social no total dos sectores converten ao municipio de Barbadás nun dos máis dinámicos da provincia, a pesares da crise económica. En plena recesión logrou impulsar nun 8,5% o seu censo de centros de traballo e nun 10% o número de traballadores afiliados.

Desde o inicio da crise, o concello de Barbadás logrou incrementar en 53 o seu censo de centros de traballo, ao pasar de contar con 621 no ano 2007 a rexistrar 674 en 2011 (últimos datos do Instituto Galego de Estatística). Esa variación neta de 53 centros de traballo só foi superada por tres municipios da provincia: Pereiro de Aguiar, cun aumento de 73; Verín, cunha subida de 68; e Allariz, cun repunte de 55.

En taxa porcentual, Barbadás ocupa o sétimo posto entre os 92 concellos da provincia, xa que varios municipios logran importantes subidas relativas con mínimas variacións nos valores absolutos. Son os casos de Cortegada, de Quintela de Leirado, da Bola ou da Teixeira, todos eles con incrementos superiores ao 10%.

O informe sinala que en 2012 o paro interanual subiu un 16,7% no municipio de Barbadás, o que representa 5,5 puntos porcentuais máis que no conxunto da provincia (11,2%). Esta situación tamén se produce nos outros concellos periféricos da cidade de Ourense con forte implantación industrial e empresarial, San Cibrao das Viñas e Pereiro de Aguiar, que presentan taxas de variación interanual en torno ao 18%.

Sector tecnolóxico

A comarca de Ourense, na que o municipio de Barbadás destaca entre os núcleos con maior aumento no número de empresas e nas afiliacións á Seguridade Social, concentra o 65% do emprego provincial dos sectores de alta e de media-alta tecnoloxía. Neste grupo de actividade inclúense desde a industria química e os produtos farmacéuticos ata a informática, a automoción, o material e equipamento eléctrico, o material de transporte, o audiovisual, as telecomunicacións, os servizos de información, a construción aeronáutica, o instrumental médico e a I+D+i.

Os preto de 2.300 postos de traballo que xera a comarca de Ourense nos sectores de alta e de media-alta tecnoloxía equivalen ao 5,5% do total galego. A suma das doce comarcas ourensás cífrase en 3.500 empregos, o que sitúa a contribución da provincia no 8,5% sobre o conxunto de Galicia.

No último ano, a crise económica incidiu máis sobre os sectores tecnolóxicos na comarca de Ourense que en Galicia. Neste período, a primeira perdeu o 6,5% dos afiliados aos sectores de alta e media-alta tecnoloxía, cando o descenso en Galicia acadou o 2,9%.

A redución media da provincia de Ourense ascendeu ao 5,4%, con dúas comarcas claramente diferenciadas do resto en perda de afiliados: Valdeorras e A Baixa Limia, en ambos casos con diminucións do 16%. Só Viana (10,5%) e O Carballiño (5,5%) xeraron emprego tecnolóxico no último ano, mentres que Caldelas conservou o mesmo número de traballadores que presentaba en 2011.

Seguridade Social

Na comarca de Ourense, as actividades que xeran máis emprego tecnolóxico son as relacionadas coas manufacturas de tecnoloxía media-alta, con 1.340 afiliacións á Seguridade Social, seguidas dos servizos de alta tecnoloxía ou de tecnoloxía punta (710 afiliacións) e dos sectores manufactureiros de tecnoloxía alta (350 afiliacións).

No caso concreto dos servizos de alta tecnoloxía ou de tecnoloxía punta, a comarca ourensá produce o 72% do emprego provincial deste segmento e o 4,4% do total galego. Na propia comarca de Ourense, a taxa de variación interanual de afiliacións á Seguridade Social caeu no 2012 un 2,8% nos sectores manufactureiros de tecnoloxía alta; un 5,2% nos servizos de alta tecnoloxía ou de punta; e un 8% nos sectores manufactureiros de tecnoloxía media-alta. Eses tres valores son superiores aos descensos medios de Galicia, que oscilaron entre o 2,1% e o 3,5%.

Aínda que a comarca de Ourense está conseguindo manter emprego nos sectores tecnolóxicos, o paro rexistrado está a crecer nestas actividades pola incorporación de novos titulados e, sobre todo, pola situación de desemprego por parte de traballadores cualificados que exercían noutras ramas da economía provincial.

Así, no último ano o paro dos sectores de alta tecnoloxía medrou un 33% na comarca de Ourense, fronte a unha subida media do 6,4% en Galicia e do 22% na provincia. Pola súa banda, catro comarcas ourensás presentan taxa de variación negativa no paro rexistrado dos sectores de alta tecnoloxía. Trátase do Ribeiro (-23%), de Trives (-18,2%), de Verín (-15,1%) e de Valdeorras (-2,2%).

Finalmente, a comarca de Ourense é a segunda da provincia con maior nivel de especialización tecnolóxica, segundo se desprende dos datos do Observatorio Económico Ourensán. Ao comparar o número de afiliacións nos sectores tecnolóxicos coas afiliacións do total dos sectores económicos sae un nivel de especialización de 1,22 puntos, só superado polos 1,42 puntos do Carballiño.

Nos datos desagregados por tipo de actividade, a comarca de Ourense é a máis especializada da provincia no servizos de alta tecnoloxía ou de tecnoloxía punta, a segunda nos sectores manufactureiros de tecnoloxía alta (por detrás de Allariz-Maceda) e a terceira nas manufacturas de tecnoloxía media-alta (despois do Carballiño e do Ribeiro).