Manuel Baltar recibe a Andrés Rosendo, primeiro árbitro ourensán en acadar a categoría nacional e internacional en balonmán

Ourense, 14 de setembro de 2017.- O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, recibiu hoxe no Pazo Provincial ao árbitro ourensán de balonmán Andrés Rosendo López, quen vén de acadar a categoría de árbitro internacional europeo EHF, e que terá o seu debut na máxima categoría do balonmán o vindeiro 23 de setembro en Zamora, nun partido da liga Asobal. O presidente do goberno provincial felicitou a Andrés Rosendo (Ribadavia, 1989) por ser o primeiro árbitro ourensán deste deporte no ámbito nacional e internacional, e animouno a continuar polo camiño dos éxitos deportivos, levando o nome de Ourense polo mundo, asociado ao deporte. Na recepción na Deputación, Andrés Rosendo estivo acompañado por José Manuel Pérez Otero, vicepresidente da Federación Galega de Balonmán e delegado en Ourense; Lisardo Pérez Fernández, directivo da federación galega, e Bernardino González, asesor de Deportes da Deputación de Ourense.