Manuel Baltar recibe ao futbolista Borja Fernández

  • O deportista ourensán, elixido como un dos mellores xogadores do campionato da India, vén de fichar pola UD Almería, e como vicepresidente da Escola Deportiva Ourense está a traballar na organización do III Torneo transfronteirizo de fútbol base "Ourense, a provincia termal".

Ourense, 6 de marzo de 2017.- O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, recibiu hoxe no Pazo Provincial ao futbolista ourensán Borja Fernández, quen foi elixido como un dos mellores xogadores do campionato da India, a "Indian Super League". O deportista, que vén de fichar pola Unión Deportiva Almería, informou ao presidente do goberno provincial do labor que está a levar a cabo a Escola Deportiva Ourense (EDO), da que é vicepresidente, no que atinxe á organización do III Torneo transfronteirizo de fútbol base "Ourense, a provincia termal", evento no que colabora a Deputación de Ourense desde a súa primeira edición e que se celebrará no mes de maio.

Manuel Baltar felicitou a Borja Fernández pola súa traxectoria, desenvolvida nos equipos Real Madrid, Valladolid, Mallorca, Getafe, Deportivo, Eibar, Atlético de Kolkata (India) e agora na UD Almería, e destacou que sexa "un defensor de Ourense aló onde vai, sempre levando o nome da nosa provincia aos máis altos ámbitos deportivos". Baltar dixo que esta nova edición do torneo "Ourense, a provincia termal" "promove o deporte de base e promociona a nosa singularidade turística do termalismo, e con ela todas as potencialidades da provincia".

Este torneo, de fútbol 8, ten como obxectivo difundir conxuntamente deporte, termalismo, saúde, familia e natureza, convertendo á provincia de Ourense nun referente nacional dos torneos de fútbol desta modalidade.