Manuel Baltar destaca a figura de Rodolfo Prada, o gran valedor de Castelao en Bos Aires

 

  • A Deputación de Ourense organizou un acto de homenaxe no pobo natal do galeguista, Os Peares, destacando "o seu compromiso con Galicia desde a emigración e a relevancia que tivo nos círculos galeguistas e ourensáns na capital arxentina", afirmou Baltar.

Ourense, 3 de novembro de 2016.- O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, presidiu hoxe na sede do Consorcio dos Peares o acto de homenaxe e lembranza a Rodolfo Prada Chamochín, o gran valedor de Castelao en Bos Aires. O xurado do Premio "Ourensanía" propuxo á Deputación de Ourense recuperar a memoria deste galeguista, que tivo un relevante protagonismo na prensa da época, e que foi o principal impulsor da obra Sempre en Galiza, de Castelao.

O presidente do goberno provincial destacou de Rodolfo Prada "o seu compromiso con Galicia desde a emigración e a relevancia que tivo nos círculos galeguistas e ourensáns na capital arxentina", e subliñou que actos como este serven para que todos, e sinaladamente ás xeracións máis novas, "coñezan a importante traxectoria deste galeguista ourensán, co que tamén contribuímos a fortalecer o sentimento de autoestima e de autoidentificación como é a Ourensanía".

Manuel Baltar afirmou que este acto "reivindica a nosa memoria e a nosa cultura, apostando tamén por unha das características que temos como pobo e territorio: a emigración, e sen dúbidas Rodolfo Prada, de quen o vindeiro ano se cumpren 125 anos do seu nacemento, foi un referente ourensán, galego e español na emigración arxentina".

No acto de hoxe tamén participaron o escritor e xurado do Premio Ourensanía, Luis González Tosar; o presidente da Asociación Cultural "Rodolfo Prada Chamochín", Francisco González, e o concelleiro da Peroxa José Manuel Rodríguez, xunto aos alcaldes de Nogueira de Ramuín e Carballedo e persoeiros dos ámbitos social e cultural.

González Tosar dixo que Prada Chamochín "foi un combatente da palabra e un activista cultural de primeira magnitude, erguendo sempre a conciencia de Galicia por riba de todo". O escritor subliñou que como valedor de Castelao "Prada foi seu albacea testamentario, ademais dun referente do galeguismo e o artífice de unir as asociacións de emigrantes que había daquela en Bos Aires: os centros orensano, pontevedrés, lucense e coruñés". Asemade, González Tosar destacou a implicación de Rodolfo Prada co Partido Galeguista e previamente a súa afiliación ás Irmandades da Fala, en 1917. "El alicerzou e xuntou a Academia Galega e participou en numerosas actividades das institucións galegas en Bos Aires".

Pola súa banda, o presidente da Asociación Cultural "Rodolfo Prada Chamochín", Francisco González explicou que esta entidade creouse en 1982, dous anos despois do pasamento do galeguista ourensán. "Prada foi todo un símbolo para Os Peares e un dos galeguistas ilustres, do cal queremos seguir o seu maxisterio e seu legado". Neste sentido, agradeceu á Deputación de Ourense e ao seu presidente "a implicación e apoio que amosan para potenciar a figura de Prada Chamochín, este fillo da Terra", e propuxo "que se erixa un busto conmemorativo nos Peares, que se repatríen desde Bos Aires os seus restos e que se cre un premio literario de animación cultural que leve o seu nome, para destacar a persoeiros da nosa lingua".

O apartado musical do acto contou coa participación do grupo "Augas de Xuntanza", dos Peares, que interpretou o Himno Galego.

Biografía

Rodolfo Prada Chamochín naceu na Peroxa o 28 de agosto de 1892 e morreu en Bos Aires o 3 de novembro de 1980. Xunto con Julio Dávila e Luís López fundou en 1919 a Asociación Protectora da Real Academia Galega e desempeñou a súa secretaría, polo que foi nomeado correspondente da corporación galega. A partir de 1920, cando resultou elixido secretario da Casa de Galicia, converteuse nun activo propulsor da galeguidade. Nese mesmo ano creou e dirixiu a revista "Acción Gallega" e o ateneo de Cultura Galega. Pouco despois, en 1924, foi redactor xefe e copropietario de Correo de Galicia. En 1932 participou na fundación da Organización Nacionalista Republicana Gallega, que chegou a presidir entre 1936 e 1937, e ao ano seguinte foi nomeado presidente do Centro Gallego de Bos Aires.

Como membro do Centro Orensano dirixiu o seu órgano periodístico, El Orensano, e posteriormente Opinión Gallega, e conseguiu a publicación de Sempre en Galicia, de Castelao. Entre as conferencias que pronunciou destaca Encol da nosa Galiza (Montevideo, 1935) e Antolín Faraldo; ademais, mantivo unha interesante correspondencia con Castelao, con quen colaborou estreitamente.