Presentación da exposición "Senso Sublime", de Sergio Portela

  • A mostra será inaugurada mañá, 11 de marzo, no Centro Cultural "Marcos Valcárcel", ás 20.15 horas.

Ourense, 10 de marzo de 2016.- O Centro Cultural "Marcos Valcárcel" estrea unha nova mostra na súa sala de exposicións trátase de "Senso Sublime", do artista Sergio Portela. A presentación da exposición tivo lugar esta mañá onde estivo presente o vicepresidente da Deputación de Ourense, Rosendo Fernández; o artista; o comisario da exposición, Antón Sobral; o director do Centro Cultural, Francisco González; e o asesor de Cultura da Deputación, Aurelio Gómez Villar.

Rosendo Fernández asegurou que nesta exposición "vemos unha historia neo-romántica desde Pontevedra, un humanista que se basea na observación-relación e, aquí conflúen escultura, arquitectura, pintura e fotografía, o que dá grandeza á obra", e engadiu "unha exposición que como di o seu propio autor é un alto no camiño, cando o artista expón fai un alto no seu traballo cotiá".

A mostra será inaugurada mañá venres, 11 de marzo, ás 20.15 horas, no Centro Cultural "Marcos Valcárcel", unha exposición que como explicou Francisco González é "multidisciplinar e que estará dispoñible ao público ata o 24 de abril".

Sergio Portela explicou ao respecto desta exposición que "era interesante plasmar as dúas visións dunha realidade poliédrica, por un lado o que é unha historia moi técnica, que é o tema da arquitectura e, por outro lado, unha historia moi expresiva e artística que é o tema da pintura". O artista fixo especial fincapé en que "á hora de facer un traballo é importante facelo e ver como ademais diso te vas facendo a ti. A man, que é a que traballa, tamén sinte, por iso non hai ferramenta no mundo comparable ca man".

O comisario da mostra explicou que o título, "Senso Sublime", "refírese á sensualidade que é un dos elementos fundamentais e sublime, segundo os filósofos, como a superación da beleza". Asemade destacou certas características do artista como "a variedade do dominio técnico" e "a súa formación autodidacta, estudou aos grandes mestres e visitou os grandes museos do mundo, tal e como se pode ver nas fotos da mostra as súas viaxes por todo o mundo", sinalou Antón Sobral.

Sergio Portela naceu en Madrid no ano 1970 e vive en Pontevedra dende 1971. De familia orientada ao mundo da creación artística e técnica, fai que desde a súa nenez navegue entre as ciencias e as artes. Pintura, poesía, música, escultura, fotografía, cine e arquitectura son as disciplinas que emprega para desenvolver a súa creatividade. Ten obra pública permanente de pintura, escultura e arquitectura en España e Xapón. Actualmente desenvolve prototipos de vivendas prefabricadas e a súa integración paisaxística, conseguindo realizar as primeiras vivendas de protección pública de madeira en España.