Deputación e Xunta destinan máis de 840.000 € a obras de mellora en colexios públicos de 35 concellos da provincia

  • Baltar cualificou o acordo como "unha iniciativa de futuro e a prol da infancia" e salientou a importancia desta acción, "que permitirá impulsar actuacións de mantemento e conservación en escolas do rural ourensán".

Ourense, 28 de marzo de 2015.- O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar e o conselleiro de Cultural, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, asinaron hoxe no Colexio Público de Baños de Molgas un protocolo de colaboración para a programación de actuacións de conservación, mantemento e mellora nos centros públicos de Educación Infantil, Primaria e Especial da provincia de Ourense, segundo o cal investiranse 848.000 euros en colexios públicos de 35 concellos da provincia de Ourense.

Manuel Baltar cualificou o acordo como "unha iniciativa de futuro e a prol da infancia" e salientou a importancia desta acción, "que permitirá impulsar actuacións de mantemento e conservación en escolas do rural ourensán".

Trátase de coordinar as actuacións municipais de reparación, conservación e mantemento coas obras de reforma, ampliación e melloras programadas pola administración autonómica en función da priorización de necesidades dos centros. En total son 35 os municipios nos que se levarán a cabo preto de 60 actuacións de mellora en 46 centros públicos destes concellos.

En concreto, os centros escolares nos que realizarán as actuacións están situados nos municipios de: Allariz, Amoeiro, Arnoia, Avión, Baños de Molgas, O Barco, Boborás, Castrelo do Val, Celanova, Cartelle, Coles, A Gudiña, Leiro, Maceda, Maside, A Mezquita, Melón, Muíños, Ourense, Monterrei, Padrenda, Pobra de Trives, Rairiz de Veiga, Ramirás, A Rúa, Ribadavia, Rubiá, San Amaro, San Cristovo de Cea, Toén, Verín, Viana do Bolo, Xinzo de Limia, Xunqueira de Ambía e Xunqueira de Espadanedo.

Tamén se pretende con este protocolo de colaboración impulsar as actuacións de mellora nas instalacións deportivas dos centros educativos coa finalidade de satisfacer as necesidades do alumnado e abrir as instalacións á práctica deportiva da poboación mediante a súa utilización fóra do horario lectivo.