A proba deportiva de running extremo "Desafío 42" reúne en Ourense aos mellores especialistas

Ourense, 11 de setembro de 2014.- A provincia de Ourense será escenario os próximos días 20 e 21 de setembro dunha das probas deportivas máis vistosas e esixentes de cantas se disputan na modalidade de carreiras: o running extremo, que contará coa participación dos mellores deportistas nesta especialidade. Baixo o título de "Desafío 42", esta proba, patrocinada pola Deputación de Ourense, consiste en tres carreiras que os atletas disputarán nas localidades de Ribadavia, Nogueira de Ramuín e Ourense cidade, percorrendo as seguintes distancias: circuíto asfalto-terra Ribadavia-Beade-Leiro-Beade-Ribadavia, de 21 km, que se disputará o 20 de setembro ás 10.00 horas; circuíto asfalto-terra de Nogueira de Ramuín, de 11 km, que se correrá o 20 de setembro ás 19.30 horas, e o circuíto asfalto-terra de Ourense cidade, de 10 km de percorrido, carreira que se disputará o 21 de setembro, ás 11.00 horas.

A presentación da proba tivo lugar hoxe no Mosteiro de San Clodio (Leiro), acto que contou coa presenza do presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar; o alcalde de Leiro, Francisco José Fernández; o director técnico da proba, José Ramón Rey, e o asesor de Deportes da Deputación de Ourense, Bernardino González.

Nesta primeira edición do "Desafío 42", que se correrá por terras do Ribeiro, A Ribeira Sacra e a capital ourensá e que conta coa colaboración da empresa Move, haberá 3.000 euros en premios para os primeiros corredores na clasificación xeral e local, así como trofeos e obsequios para os primeiros de cada categoría. Tamén se sortearán obsequios dos colaboradores entre todos os participantes.