Álex Vázquez presenta no Centro Cultural "Marcos Valcárcel" 76 obras cheas de luz, cor e movemento

  • O pintor vigués enche de realismo informalista o espazo expositivo ourensán con paisaxes baseados nas emocións.

Ourense, 4 de setembro de 2014.- O Centro Cultural "Marcos Valcárcel" da Deputación de Ourense acolleu esta mañá a presentación da exposición "Como o aire se pinta a si mesmo", do artista Álex Vázquez (Vigo, 1946), que enche de realismo informalista o espazo expositivo ourensán con 76 obras de acrílico sobre lenzo e táboa cuxas características comúns son a luz, a cor e o movemento.

"Gústame pintar paisaxes pero transformados en emocións", explica o pintor, "e aínda que hai ocasións nas que o silencio é quen pinta a paisaxe, noutras ocasións son as propias emocións, o estado de ánimo, quen che impulsa en cada movemento, de aí que me importe máis o instante e menos o tema".

A mostra recolle os últimos cinco anos de traballo de Álex Vázquez, na que se pode apreciar a evolución dende unha figuración e unha aplicación máis tranquila da cor a unha última fase na que predomina o movemento como elemento fundamental da súa obra. Os cadros baséanse en paisaxes galegos e portugueses de lugares como Pontevedra, Oporto, Lisboa, O Ribeiro, Meaño, Pazos de Arenteiro ou Monteferro. "Para elo -explica o artista- teño como caderno de notas uns apuntes, fotografías e mesmo a memoria. Son os que me axudan a estruturar os esbozos, e logo as emocións comezan a darlle forma e cor a cada obra".

No acto de presentación, Álex Vázquez estivo acompañado polo vicepresidente da Deputación de Ourense, Rosendo Fernández, e polo director do Centro Cultural, Francisco González. A mostra, que se presenta ao público esta tarde ás 20.15 horas, permanecerá exposta ata o 26 de outubro. Paralelamente, como complemento á exposición, programáronse unha serie de actividades enmarcadas dentro do programa "Cata a arte" que terán lugar todos os xoves e nas que haberá cata de viños, coloquios, pintura en directo e concertos como os que ofrecerán Alfonso Medela Trío (18 de setembro) e Roibós (9 de outubro).

Álex Vázquez naceu no seo dunha familia relevante no panorama artístico galego, onde, dende moi cedo, amosou claras aptitudes cara o mundo da arte. Nomes imprescindibles no seu entorno familiar son o seu pai, Isidro Vázquez Palacios, pioneiro da actividade creativa publicitaria en Galicia, e o seu tío-avó, Antonio Palacios Ramilo, afamado arquitecto porriñés.

Cunha ampla traxectoria expositiva en galerías e centros culturais de España, os cadros de Álex Vázquez son tamén coñecidos no ámbito europeo, sendo as súas coleccións expostas en países como Portugal, Alemaña ou Bélxica. Asemade, é coautor de numerosos proxectos editoriais, participando no seu deseño, desenvolvemento e ilustración en colaboración con destacadas figuras literarias como Carlos Casares, Francisco Fernández del Riego, Francisco Fernández Naval ou Xavier Alcalá.