Presentación das "XXV Noites teatrais de Vilamarín", un dos certames de teatro máis importantes do verán

O Centro Cultural "Marcos Valcárcel" da Deputación de Ourense acolleu hoxe a presentación da XXV edición das "Noites teatrais de Vilamarín", un dos certames máis importante de teatro dos que se celebran nos meses de verán en Galicia. O presidente da Deputación, Manuel Baltar, que presentou o evento xunto co alcalde de Vilamarín, Amador Vázquez, e a concelleira de Cultura deste concello, Marina González, destacou que o teatro "é unha magnífica opción que aúna lecer, cultura e convivencia social", e engadiu que levar 25 anos traballando a prol da cultura como fai o Concello de Vilamarín "non é nada doado e amosa a sensibilidade e a importancia que este municipio lle da ás actividades culturais e sociais".

Pola súa banda, Amador Vázquez agradeceu o apoio da Deputación de Ourense e da Consellería de Cultura con este evento e destacou que cada ano son máis os visitantes que se achegan de todas as partes de Galicia a presenciar este certame, que nesta edición terá lugar entre los días 10 ao 13 de xullo, ás 22.30 horas, no Auditorio Municipal de Vilamarín.

A concelleira de Cultura, Marina González, comentou o programa de actividades, destacando que un ano máis "a comedia volve a ser o eixo da programación teatral, porque así o demandan os veciños e visitantes que acoden ás funcións". Asemade, dixo que polas "Noites teatrais" teñen pasado xa "todas as compañías de teatro galegas; unha aposta polo noso teatro que sempre tivemos en conta".

O programa inclúe para o martes 10 de xullo a representación de "Entre nós, mulleres", de teatro da Zarabándula (Cuntis, Potenvedra), tendo como protagonistas da obra ás atrices Chelo de Rejo e Chus Picallo. O mércores 11 de xullo, representarase "La criada amorosa", de MDM Producciones (Madrid), destacando no reparto artístico a Daniel Vignolo, Mauricio Albera e Ana Gete. O xoves 13 de xullo, porase en escena "tres no bambán", de Espello Cóncavo teatro, dirixida por Arturo López e protagonizada por Xabier Pan, Arturo López e Teresa Horro. Finalmente, o venres, día 13, actuará a compañía Malasombra Producións coa obra "Non é tan fácil", unha montaxe na que participan Xoque Carbajal, Sandra Lesta e Pablo Alvarado. A entrada para todos estes espectáculos é gratuíta.

A programación lúdica para este verán en Vilamarín complétase con actividades de lecer e deportivas como son o Maratón de Fútbol, os días 28 e 29 de xullo; excursións para mozos e maiores; cursiños de natación, tenis e fútbol-sala, así como obradoiros de teatro, xogos populares, e cursiños de inglés.