A comedia será a protagonista das "XXVII Noites teatrais de Vilamarín"

  • Este certame, un dos máis importantes de Galicia no ámbito das artes escénicas no verán, terá lugar do 15 ao 18 de xullo no auditorio municipal.

As "Noites teatrais de Vilamarín", uno dos certames das artes escénicas máis importantes de Galicia no verán, chega este ano á súa 27ª edición. O evento, que conta coa colaboración da Deputación de Ourense e da Xunta de Galicia, terá lugar do 15 ao 18 de xullo no auditorio municipal de Vilamarín, con entrada gratuíta, e porá en escena catro producións teatrais de compañías de Madrid, A Estrada, Santiago de Compostela e Pontevedra.

A presentación do programa tivo lugar esta mañá no Centro Cultural "Marcos Valcárcel" da Deputación de Ourense coa presenza do presidente provincial, Manuel Baltar; o alcalde de Vilamarín, Amador Vázquez, e a concelleira de Cultura de Vilamarín, Marina Rodríguez.

"A xente quere sorrir e divertirse por iso a comedia é a protagonista do programa deste esta ano", explicou Amador Vázquez, quen lembrou que o éxito deste evento "fai que unhas 2.000 persoas de Ourense e do resto de Galicia se acheguen cada ano a Vilamarín para asistir ás Noites teatrais".

Pola súa banda, Manuel Baltar dixo que esta actividade cultural "é unha cita ineludible no calendario das artes escénicas de Ourense, e boa mostra diso é a importante traxectoria deste evento que conta xa con 27 edicións, e que tivo como impulsor a Amador Vázquez e como verdadeira alma mater a Marina Rodríguez". Baltar afirmou que a Deputación de Ourense está ao carón de iniciativas como esta que se implican no desenvolvemento social e cultural nos nosos concellos, do cal é bo exemplo o municipio de Vilamarín".

O programa deste ano, segundo explicou Marina Rodríguez, abrangue maioritariamente o xénero da comedia e comezará o martes, día 15, coa representación de MDM Producciones que porá en escena "Los chismorreos de las mujeres". O mércores, día 16, Malasombra Producións estrea a obra "D.E.P.", interpretada por Jouse García, Xoque Carbajal e Patricia Rodríguez. O xoves, día 17, Talía Teatro presenta "O método Grönholm, de Jordi Galcerán; e o venres, día 18, Abrapalabra Creacións Escénicas porá en escena a obra "As do peixe". Todas as representacións terán lugar no auditorio municipal de Vilamarín, ás 22.30 horas.