"Espazo abisal", exposición de María José Pulido no Centro Cultural "Marcos Valcárcel"

O Centro Cultural "Marcos Valcárcel" da Deputación de Ourense inaugurou o pasado martes a exposición ESPAZO ABISAL, da pintora María José Pulido, nun acto no que ademais da artista estiveron presentes o vicepresidente da Deputación, Rosendo Fernández, o editor Bieito Ledo, o crítico de arte Xabier Limia de Gardón e o director do centro cultural, Francisco González.

Afincada en Barcelona, María José Pulido regresa á súa cidade natal (Ourense) para amosarnos o seu "Espazo Abisal", no Centro Cultural "Marcos Valcárcel" da Deputación. Son cadros que reproducen un ambiente entre imaxinario e real, un hábitat que se move nas augas profundas do océano: "Este espazo sérveme de pretexto para desenvolver un paralelismo entre seres concretos e fantásticos", afirma. A artista aborda a obra "dunha forma poética, pretendendo amosar unha variedade máis rica cá simple dualidade".

Trazos cromáticos, nos que se intúen formas que se moven en medio de sombras de luz, sitúan a proposta de María José Pulido entre dous mundos: "Atráeme a figuración, pero non o realismo". Así, crea seres recoñecibles, pero transformados polo maxín da artista como reflexo do recordo que queda ao evocalos. Xeometría, xustaposición de planos e fusión dimensional caracterizan as obras desta exposición.

María José Pulido, licenciada en Belas Artes pola Universidade San Carlos de Valencia, tamén realizou estudios na Escola de Cinematografía de Barcelona e tivo becas en Passau (Alemania), Monterrey (México) e Lima (Perú). Ademais de pintura, ten realizado traballos de deseño gráfico, edición audiovisual e performance. Entre outros lugares, os seus traballos estiveron no MACBA (2004), Arteleku (2005), Festival de Berlín (2006) ou no Reina Sofía (2012).