O escritor Luis Antonio Pérez e a ilustradora Patricia Román reciben o XI Premio "Pura e Dora Vázquez"

  • No acto, celebrado na Deputación de Ourense, Manuel Baltar cualificou a Pura e Dora Vázquez como "un símbolo de Ourense e da nosa Ourensanía, pois foron pioneiras en escribir en galego para os máis cativos e en darnos multitude de exemplos da súa calidade literaria".

O escritor Luis Antonio Pérez (Ourense, 1966) e a ilustradora de Ciudad Real Patricia Román recibiron hoxe o XI Premio "Pura e Dora Vázquez" de narración e ilustración infantil e xuvenil que outorga anualmente a Deputación de Ourense. Nun acto que tivo lugar no Salón de Plenos da institución provincial o presidente Manuel Baltar cualificou a Pura e Dora Vázquez como "un símbolo de Ourense e da nosa Ourensanía, pois foron pioneiras en escribir en galego para os máis cativos e en darnos multitude de exemplos da súa calidade literaria".

Baltar salientou que, como institución defensora desa Ourensanía, "a Deputación de Ourense sempre estivo e estará comprometida coa defensa e promoción da lingua e literatura galegas, entendidas estas como a canles a través das cales se manifesta ese tan noso arraigado". "Unha Ourensanía –engadiu o presidente- que debe prender tamén nos máis cativos, pois eles son o futuro dunha provincia que desborda identidade de seu a través da súa historia e do seu inmenso patrimonio natural, artístico, arquitectónico e, como non, literario".

Sobre os traballos premiados, Manuel Baltar afirmou que a escrita de Luis Antonio Pérez amosa "unha excelente obra narrativa que, baixo o título O trasno de Bóveda e a chave máxica, aglutina fluidez cunha linguaxe e un vocabulario acaídos e atractivos tanto para o público infantil coma xuvenil, e que atopa o seu complemento perfecto nas ilustracións de Patricia Román". "As súas obras pasarán a formar parte do elenco de premiados que, a través deste certame literario, teñen contribuído á difusión da lingua e a literatura galegas, así como a potenciar a lectura entre os máis cativos, unha nobre tarefa que serve de alicerce sobre o que asentar a construción do Ourense do futuro".

O acto de entrega do premio contou coa presenza, ademais dos premiados e de persoeiros dos ámbitos institucional e cultural, do xurado do certame e do seu presidente, o deputado de cultura da institución provincial, Avelino García Ferradal, así como do fillo de Dora Vázquez, Antonio Alejo Rodríguez Vázquez, quen agradeceu á Deputación de Ourense "que siga a manter e potenciar este certame literario en lembranza das dúas escritoras ourensás, unha chama que entre todos temos que seguir mantendo viva para que a literatura siga refulxindo no noso Ourense".

Premiados

Luis Antonio Pérez agradeceu o galardón á Deputación de Ourense e dixo que hoxe "é un día sinalado para min, que non se vai borrar da miña memoria. Hoxe lémbrase, un ano máis, a pegada que as irmás Pura e Dora Vázquez deixaron na súa cidade, tanto pola súa obra como polo seu compromiso con Ourense e con Galicia. E nesta data, tan sinalada para os que de verdade queremos a Ourense, é para min un auténtico orgullo poder participar desta homenaxe".

Patricia Román, pola súa banda, agradeceu a oportunidade que se lle brinda de poder amosar o seu traballo por medio dun certame "que contribúe a difundir a cultura, fomentar a lectura entre os máis novos e ademais, facilita que os creativos formemos parte de algo tan especial", e dixo sentirse "moi ilusionada" "porque é o meu primeiro premio de ilustración, algo moi gratificante cando ves que o teu esforzo é valorado e recompensado".

O Premio "Pura e Dora Vázquez", que este ano acada a súa undécima edición, ten como obxectivo fomentar a lectura entre o público máis novo e, á vez, recoñecer o traballo de autores literarios e artísticos, unindo na obra premiada as disciplinas creativas de narración e ilustración. Dirixido ao público infantil e xuvenil, este certame leva o nome das irmás Pura e Dora Vázquez, dúas escritoras e poetisas ourensás que tanto traballaron ao longo da súa vida a prol da cultura e da educación dos máis novos.

O premio ten unha dotación de 1.500 euros para cada modalidade. No que atinxe á obra narrativa de Luis Antonio Pérez o xurado destacou "o despregue imaxinativo e a súa adecuación tanto para o público infantil como xuvenil", e salientou a importancia da narrativa coloquial da obra e o seu vocabulario, así como a narración fluída que entronca coa cultura propia de Galicia e, sinaladamente, de Ourense.

No que atinxe á obra de Patricia Román, premiada no apartado de ilustración, o xurado destaca "a súa forza visual" e o "uso moi expresivo do collage dixital", e valora sinaladamente que se trata dunha "composición con gran dinamismo", axeitada para o segmento de idade ao que vai dirixida a narración, e tamén subliña a "modernidade e o cromatismo da ilustración".