A crise vista dende a cultura e a cidadanía, tema do curso que imparte a UIMP no Centro Cultural da Deputación de Ourense

O segundo curso que esta prestixiosa universidade imparte este verán en Ourense terá lugar en Celanova sobre "Celso Emilio Ferreiro: ética e poética".

O Centro Cultural "Marcos Valcárcel" da Deputación de Ourense acolleu o primeiro curso que imparte na provincia de Ourense a Universidade Internacional Menéndez Pelayo, o cal centra os seus relatorios sobre o tema: "Cidadanía, cidade, cultura. Tempo de crise". No acto inaugural, que contou coa presenza do escritor e director do encontro, Alfredo Conde; o director da UIMP en Galicia, Xosé Luis Barreiro Rivas, e o vicepresidente da Deputación de Ourense, Rosendo Fernández, destacouse a importancia de debater, analizar e reflexionar sobre a actual crise pero abordando o tema dende o punto de vista da cultura e da cidadanía.

Rosendo Fernández subliñou que os cambios sociais que experimentou a cidadanía pasando do ámbito rural ao urbano "fai que esteamos ante un novo modelo de convivencia, o que, unido ao avance das novas tecnoloxías, fai que a realidade estea a mudar día a día e que os servizos e a demanda cidadá sexa cambiante e cada vez máis esixente". Fernández lembrou que a Deputación de Ourense saúda que esta primeira iniciativa da UIMP en Ourense se imparta nas instalacións da Deputación e destacou que este proxecto académico e sociolóxico chega nun momento acaído onde se fai necesario reflexionar diante da crise económica, social, de valores e de ideas que ten a nosa sociedade".

Pola súa banda, Alfredo Conde dixo que o debate deste curso "enfócase dende o punto de vista dos que construímos coa palabra, pero tamén cos que constrúen cos planos e coas leis, porque escritores, xornalistas, arquitectos e xuristas teñen moito que dicir e que aportar ao pensamento actual".

Xosé Luis Barreiro, director da UIMP en Galicia, agradeceu á Deputación de Ourense por acoller este curso e afirmou que a UIMP leva máis de 80 anos poñendo en contacto a investigadores, estudantes e cidadáns, "nun continuo debate social que contribúe a enriquecer a nosa sociedade". Barreiro subliñou que enfocar o problema da crise dende a cultura e a cidadanía "permítenos coñecer que a principal eiva que detectamos é a falta de valores, "porque vivimos nunha sociedade que se encarga de destruír os valores anteriores, pero que non constrúe novos valores, e esa carencia debilita o carácter da sociedade".

Tralo acto inaugural desenvolvéronse tres relatorios: "Cidadanía e sociedade civil", a cargo de Mario Conde, avogado do Estado e escritor; "O home de hoxe e o seu entorno", a cargo de José M. Otero Lastres, catedrático de Dereito Mercantil; e "Tiranía do tempo e do espazo", a cargo de Arturo Franco Taboada, profesor da Escola Técnica Superior de Arquitectura de a Coruña.

As xornadas continuarán o mércores, xoves e venres analizando temas culturais, literarios e sociais, coa participación de escritores e xornalistas como Ramón Pernas, Laura Revuelta, Carlos G. Reigosa e Alfredo Conde, e arquitectos como Xerardo Estévez e Antonia Pérez Naya. O obxectivo das xornadas é analizar a transformación das cidades como novos hábitats urbanos, dotados de colectores culturais e de toda clase de espazos habilitados para a chamada "sociedade do ocio", e tamén reflexionar sobre os vellos usos das cidades e a súa adaptación ás novas costumes da cidadanía, un cambio cultural que está en continua evolución, debido en gran medida ás novas tecnoloxías.

Curso sobre Celso Emilio Ferreiro, en Celanova

Tamén hoxe tivo lugar no Centro Cultural "Marcos Valcárcel" da Deputación de Ourense a presentación do curso de verán da Universidade Menéndez Pelayo sobre "Celso Emilio Ferreiro (1912-2012): ética e poética", que se impartirá na sala de conferencias do mosteiro de Celanova entre os días 16 ao 18 de xullo. O acto contou coa presenza do director da UIMP en Galicia, Xosé Luís Barreiro; o director do curso, José María Paz Gago, e o alcalde de Celanova, Antonio Mouriño. Os tres coincidiron en destacar a figura de Celso Emilio como un poeta social e civil, que tivo unha pegada excepcional na música e na cultura do seu tempo e cuxa obra segue vixente e de plena actualidade.

Dentro do programa de curso, que contará con relatores como Xesús Alonso Montero, Ramón Nicolás, Alfredo Conde ou Ramón Pernas, entre outros, terá lugar o recital lírico "Onde o mundo se chama Celanova" a cargo da compañía lírica "Ofelia Nieto", cuxo director artístico é Antón de Santiago, e que contará coa participación da soprano Patricia Morchón e o grupo instrumental Cítola.

Dentro do conxunto de iniciativas que ao longo deste ano se están celebrando para conmemorar o I Centenario do nacemento do poeta celanovés, Celso Emilio Ferreiro, a sede galega da Universidade Menéndez Pelayo programou este curso dirixido polo tamén celanovés, José María Paz Gago, catedrático de Teoría da Literatura na Universidade da Coruña. Este encontro trata de lembrar e reivindicar a figura humana e a obra literaria de Celso Emilio Ferreiro, un dos escritores máis destacados da literatura galega contemporánea e un dos poetas sociais máis relevantes das letras hispánicas.

O obxectivo do curso é abordar a súa ética vital, sobre a que se proxectaron algunhas sombras malintencionadas malia súa humanidade e personalidade, sempre comprometidas coa liberdade e a xustiza, e a súa xenial creación poética de signo eminentemente civil e social, á luz da súa complexa biografía e da súa extensa e valiosa obra lírica, que amosa un moi destacable compoñente metapoético.


Para máis información:

Secretaría da UIMP na Coruña: 981 140 830.