Sae de Ourense o primeiro tren turístico do programa "Galicia a todo tren" 2014, que percorre a ruta dos viños do Ribeiro e Rías Baixas

  • O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, e a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, realizaron a viaxe inaugural destacando a importancia deste proxecto que pretende promover as potencialidades turísticas, termais, culturais, gastronómicas e etnográficas da nosa terra.

  • Agárdase que ao longo do verán uns dous mil usuarios viaxen nos trens turísticos de Galicia, dos cales cinco rutas están dedicadas ao enoturismo e ás denominacións de orixe vitivinícolas, catro delas na provincia de Ourense.

Esta mañá saíu da estación Ourense Empalme o primeiro tren turístico do programa "Galicia a todo tren" 2014 –o tren da rutas dos viños do Ribeiro e Rías Baixas-, unha iniciativa que leva a cabo Turismo de Galicia coa colaboración de Renfe e na que participa a Deputación de Ourense por medio do Inorde no deseño e execución desta iniciativa. O obxectivo é promover a través de sete rutas en ferrocarril as potencialidades turísticas, culturais, termais, gastronómicas e etnográficas de Galicia, e sinaladamente en Ourense –provincia que conta cun total de catro rutas- promocionar o enoturismo e as catro denominacións de orixe coas que conta a provincia: Monterrei, Ribeira Sacra, Ribeiro e Valdeorras.

Na viaxe inaugural participou o presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, xunto coa directora xeral de Turismo de Galicia, Nava Castro, e o director de Estratexia e Desenvolvemento de Negocios de Renfe, Rodrigo Hilario.

Este programa, que acadou gran éxito na súa primeira edición, incorpora agora novos percorridos que permiten aos turistas coñecer os recursos máis singulares da comunidade a bordo dun tren. Manuel Baltar destacou no acto previo á viaxe celebrado esta mañá na estación Ourense Empalme que esta é unha posibilidade para atraer turismo e ofrecerlle ao visitantes o máis tradicional como é a nosa paisaxe, gastronomía e patrimonio cultural e artístico, pero tamén darlle a posibilidade de coñecer a nosa cultura castrexa, coa visita ao Castro de San Cibrán de Lás e mesmo o Museo "Estanislao Reverter", situado na estación de Santa Cruz de Arrabaldo, que abríu as súas portas hai uns días". Manuel Baltar subliñou que todas estas "son razóns para visitar Ourense, ao que temos que engadir proxectos que se atopan nun grao de execución importante como é a candidatura da Ribeira Sacra como Patrimonio da Humanidade pola Unesco, proposta que estamos a promover conxuntamente coa Deputación de Lugo, ou mesmo o Plan Termal Provincial que asinamos coa Xunta de Galicia e que estamos a piques de desenvolver". O presidente provincial agradeceu a todos os que fan posible esta iniciativa dos "Trens turísticos de Galicia" "tendo en conta o interese xeral de Ourense e de Galicia para que os números socio-económicos da nosa provincia e da comunidade autónoma vaian a máis".

Pola súa banda, Nava Castro explicou que esta viaxe inaugural percorrerá as terras das denominacións de orixe do Ribeiro e Rías Baixas, visitando adegas como Marques de Vizhoja e á Cooperativa do Ribeiro e as vilas de Arbo e Ribadavia, facendo percorridos históricos e degustacións de viños e augardentes. "Esta oferta, unida aos demais trens turísticos de Galicia, permitira aos viaxeiros realizar as rutas dos Faros, dos Pazos, das Camelias e das cinco Denominacións de Orixe, ás que hai que engadir o tren Transcantábrico, o Al-Andalus e o Tren Peregrino, para que os nosos visitantes poidan coñecer a nosa riqueza e o noso patrimonio singular, acompañados sempre por guías turísticos".

O billete para cada unha das viaxes de fin de semana do tren turístico ten un custe de 40 euros -10 euros para os nenos, con descontos para familias numerosas- e os interesados poden facer a súa compra a través das web de Renfe e da Xunta de Galicia, dispoñendo de toda a información na web de Turismo de Galicia.

O ano pasado puxéronse en funcionamento dúas rutas con 30 trens que realizaron itinerarios de media xornada e xornada completa. O balance final constatou o acerto deste proxecto porque máis de 600 viaxeiros percorreron os itinerarios acadando unha ocupación media do 72,5%, cifra que se prevé incrementar este ano ata os 2.000 viaxeiros.

Como novidade, inclúense esta tempada os packs de fin de semana, nos que se combinan as rutas en tren coa pernoctación dunha noite nun hotel de Galicia, así como paquetes combinados de fin de semana dende outras cidades de España.

A estas rutas turísticas temáticas cómpre engadir a posibilidade de descubrir Galicia co Galicia Rail Pass, o Train and Breakfast Camiño de Santiago, o luxoso Al Andalus Camiño de Santiago e o Transcantábrico. As rutas estarán en funcionamento dende mediados de xullo ata finais de setembro.