A Deputación de Ourense destina 175.000 € a programas culturais, formativos e de investigación así como a bolsas de mobilidade da Universidade de Vigo

  • Manuel Baltar e Salustiano Mato asinaron hoxe os convenios de colaboración para desenvolver estes proxectos no Campus de Ourense no ano 2014.

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, e o reitor da Universidade de Vigo, Salustiano Mato, acompañados polo presidente do Consello Social, Ernesto Pedrosa, asinaron hoxe dous convenios de colaboración entre ámbalas dúas institucións por un importe total de 175.000 euros, para o desenvolvemento de programas e actividades de difusión cultural, investigación e formación no Campus de Ourense, así como para as bolsas de mobilidade "Ourense Exterior" no ano 2014. O acto, que tivo lugar no Centro Cultural "Marcos Valcárcel" da Deputación de Ourense, contou tamén coa presenza do vicerreitor do Campus de Ourense, Virxilio Rodríguez.

Manuel Baltar e Salustiano Mato coincidiron en destacar a importancia da colaboración entre a Deputación de Ourense e a Universidade de Vigo "porque cada unha, desde a súa perspectiva, aposta firmemente pola potenciación do Campus de Ourense, porque con este irrenunciable compromiso estamos contribuíndo ao desenvolvemento da nosa provincia a través da formación e a preparación dos xóvenes universitarios", afirmou Manuel Baltar.

O presidente provincial dixo que esta colaboración que se ven realizando dende hai anos "non exclúe que abramos novas liñas de cooperación relacionadas coa investigación e a realización de estudos que avalíen a implantación de novas infraestruturas e servizos na provincia de Ourense". Baltar agradeceu ao reitor a colaboración institucional que a Universidade de Vigo mantén coa Deputación de Ourense, destacando o apoio amosado por Salustiano Mato para que a Universidade de Vigo forme parte de iniciativas como "Observatorio da Sostibilidade" ou mesmo recentemente co Código Ético, coa designación dun membro para integrar o comité de ética.

Ao convenio para o desenvolvemento de actividades culturais a deputación destina un total de 165.000 euros. Ten como obxectivo promover iniciativas de extensión universitaria, conferencias, seminarios, obradoiros e exposicións, actividades teatrais e programas para a igualdade e inclusión. En concreto, os programas que se desenvolverán son: "Alterarte, Obradoiros, MITEU, MOTI, roteiros culturais, coro, Cursos de Verán, Cátedra Carlos Casares, Concerto de Nadal, Visións de Galicia e Portugués Perto.

Ademais, a achega da deputación permitirá levar a cabo o Programa de apoio á mobilidade estudantil para o alumnado do Campus de Ourense integrado no Programa ERASMUS, e destinarase unha partida para o Programa específico de apoio a grupos de investigación do Campus de Ourense (INOU 2014).

Bolsas de mobilidade

No que atinxe ao convenio para as Bolsas de mobilidade "Ourense Exterior" a Deputación de Ourense achega un total de 10.000 euros. O obxectivo desta iniciativa é outorgar bolsas de axuda para facilitar a mobilidade de estudantes descendentes de emigrantes ourensáns, galegos ou españois e para cidadáns estranxeiros, para que poidan cursar os estudos de máster presenciais no Campus de Ourense. As estancias proporcionarán aos estudantes a oportunidade de achegarse á cultura dos seus antepasados e coñecer en profundidade outro sistema universitario. Ao mesmo tempo, coas bolsas, créase unha ferramenta moi útil para dar a coñecer no eido internacional a oferta educativa de calidade que na actualidade está a ofrecer o Campus de Ourense.

Salustiano Mato afirmou que esta alianza entre a Deputación de Ourense e a Universidade de Vigo "suma para multiplicar", "pois afianza a relación e o valor mutuo de ámbalas dúas entidades e nos permite seguir avanzando para enriquecer a oferta formativa do Campus de Ourense". O reitor agradeceu que a Deputación de Ourense manteña o seu apoio económico á Universidade de Vigo e subliñou "a importancia do Campus da Auga "que lle dará ao Campus de Ourense unha importante especialización e internacionalización", o que suporá un pulo no que atinxe á investigación e docencia do campus ourensán.