Miles de visitantes encheron Vilanova dos Infantes na Romaría "Raigame", o punto de encontro da etnografía galega

  • O evento, organizado pola Deputación de Ourense e o Concello de Celanova, chegou á súa XIII edición, dedicado nesta ocasión aos pequenos museos etnográficos da provincia de Ourense.

  • O 17 de maio, no burgo medieval de Vilanova, os protagonistas foron os oficios tradicionais de Galicia.

  • Manuel Mandianes recibiu o premio "Xan de Barros" polas súas investigacións sobre a antropoloxía galega.

Miles de persoas encheron o pasado 17 de maio o burgo medieval de Vilanova dos Infantes (Celanova) para celebrar un ano máis a cita da etnografía galega por excelencia: a Romaría "Raigame". O evento chego á súa XII edición, que dedicou este ano a súa temática aos pequenos museos etnográficos da provincia de Ourense.

O programa incluíu tamén a entrega do premio honorífico "Xan de Barros", que nesta ocasión foi concedido a Manuel Mandianes polas súas investigacións sobre a antropoloxía galega. O acto de entrega, que tivo lugar na Torre de Vilanova, participou o presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar; o alcalde de Celanova, José Luis Ferro; o propio Manuel Mandianes; a directora do Centro de Cultura Popular "Xaquín Lorenzo" e autoridades locais e autonómicas. O premio "Xan de Barros", que dende a edición de 2009 concede Raigame, ten o obxectivo de premiar a aquelas persoas ou entidades que se signifiquen por ter traballado no campo da etnografía e por ter colaborado directa ou indirectamente coa celebración da Romaría.

Manuel Baltar destacou que un ano máis "Vilanova dos Infantes foi o gran parque etnográfico de Galicia o día 17 de maio, que ademais do Día das Letras Galegas, en Vilanova é o Día da Cultura Galega". Baltar subliñou que esta romaría "é un museo vivo e aberto o público que a Deputación de Ourense quere promover e dinamizar para seguir potenciando a alma do noso, das nosas tradicións e da nosa cultura".

Pola súa banda, José Luis Ferro subliñou a colaboración dos veciños de Vilanova, tanto no seu labor participativa na organización como cedendo os locais para que se instalen os diferentes oficios que se exhiben en Raigame. Tamén dixo Ferro que, xa consolidada esta romaría etnográfica, chega o momento de darlle unha dimensión internacional "para o cal integraremos a Raigame na rede de romarías etnográficas de Europa e promoveremos a realización de proxectos europeos culturais para que Raigame estea presente en Europa e no mundo".

Esta edición de Raigame dedicouse aos pequenos museos, centros e parques etnográficos da provincia de Ourense para dar a coñecer unha oferta conxunta de todos eles co obxectivo de promocionar a inxente riqueza cultural e tradicional que temos na nosa provincia. Para elo, este ano presentouse unha exposición con paneis informativos e un posto no que os visitantes puideron coñecer cada unha das singularidades que as comarcas ourensás teñen no ámbito da etnografía.

Ourense conta con preto de 20 museos/centros/parques etnográficos de moi diversa índole, uns autonómicos, outros municipais e outros particulares, dedicados a diferentes temas relacionados coa etnografía: olería, rodas de afiar, oficios tradicionais, a escola no rural, o liño, etc. Mediante unha exposición con paneis de cada un dos museos participantes, a proxección de vídeos e a mostra de actividades, publicacións, folletos, Raigame quixo achegar este ano o seu grao de área para que se fagan máis coñecidos e visibles para o público, presentándose como unha actividade estrela á hora de visitar as diferentes comarcas da provincia. Dende o Ribeiro, pasando pola Ribeira Sacra, o macizo central, a montaña oriental, A Limia, o val do Arnoia até a Baixa Limia e a Terrachá, o visitante pode compaxinar gastronomía, paisaxe, sendeirismo, arquitectura popular, actividades que complementan a oferta etnográfica.

Raigame contou este ano cunhas 60 actividades e cunha mostra de artesanía. A celebración deste evento enmárcase dentro do proxecto de posta en valor do núcleo medieval de Vilanova dos Infantes e doutros enclaves e fitos históricos de Celanova como son o mundo castrexo de Castromao, a etapa alto-medieval de San Miguel o esplendor do barroco do Mosteiro de San Rosendo e o rexurdimento da lingua galega da Casa dos Poetas.