Grandes escultores galegos experimentan con vidro nunha exposición no Centro Cultural "Marcos Valcárcel"

A mostra "Reflexarte" é un proxecto de investigación en vidro de 11 artistas galegos grazas á colaboración da iniciativa privada coa Deputación de Ourense.

O Centro Cultural "Marcos Valcárcel" amosa a exposición REFLEXARTE, un proxecto de investigación en vidro de once grandes artistas galegos e que chega a Ourense grazas á colaboración da iniciativa privada coa Deputación.

Con este novo proxecto, o Centro Cultural mantén o seu camiño de consolidación expositiva abrindo ventás a novos campos de actuación artísticos comprometidos coa cultura galega. O proxecto nace na Coruña, con motivo do 75 aniversario da Cristalería El Reflejo, fundada en 1935 por Jesús Ares González. Grazas á xenerosidade desta empresa, os artistas puideron construír os seus propios soños deixando que a imaxinación fluíse a través da beleza e luminosidade transparente do cristal.

Julia Ares, María Xosé Díaz, Tono Galán, Tiago Madeira, Acisclo Manzano, Manuel Patinha, Soledad Penalta, Paco Pestana, Montse Rego, Carmen Senande e Álvaro de la Vega son creadores que desenvolven o seu traballo dende hai anos dentro do ámbito da escultura, e o único argumento que os uniu para a ocasión é o emprego do vidro como medio de actuación.

A súa unión neste proxecto vén demostrar que hoxe a única barreira que se pode aplicar á arte contemporánea é a da calidade. A súa particular visión, utilizando o vidro cunha versatilidade extraordinaria, ensancha o significado de soportes e procedementos. Salvo excepcións como a de Julia Ares, en xeral é a primeira vez que vinculan a súa traxectoria ao uso deste material, revalorizado e elevado en recentes citas internacionais como a Bienal de Venecia de 2011.

A aparición dos primeiros obxectos de vidro obtido artificialmente vai ligada ao acceso do home ás altas temperaturas, cando se desenvolveron as artes do lume: a olaría, a metalurxia e a vidraría. Crese que o vidro nace no "Crecente Fértil", no territorio situado entre os ríos Tigris e Éufrates, e que se estendía desde a costa mediterránea de Siria ata o Golfo Pérsico, entre finais do período Neolítico e os comezos da Idade dos Metais e das Culturas Metalúrxicas.

Hoxe, este fráxil e fermoso material é empregado por artistas como os que integran REFLEXARTE que, ampliando territorios, traspasan a fina liña da artesanía para internarse de cheo na creatividade conceptual e formal da arte contemporánea.