Acto de entrega do premio de xornalismo "Xosé Aurelio Carracedo" 2014

  • O xornalista David Reinero recibiu o galardón, que outorga a Deputación de Ourense, polo traballo sobre a traxedia ferroviaria de Angrois, abordada, segundo o xurado, dende todos os aspectos, cunha visión ampla, crítica e obxectiva.

  • Manuel Baltar cualificou o xornalismo como "piar fundamental dunha democracia consolidada" e subliñou "o definitivo papel do xornalismo na procura dunha sociedade afastada do victimismo e ambiciosa de seu".

O xornalista David Reinero (Nigrán, 1979) recibiu hoxe, Día Mundial da Liberdade de Prensa, o galardón que o acredita como gañador da edición 2014 do premio de xornalismo "Xosé Aurelio Carracedo", dotado con 3.000 euros, un certame que convoca anualmente a Deputación de Ourense para honrar a memoria do xornalista ourensán que lle da nome o premio.

O xurado ditaminou conceder o galardón a David Reinero polo seu traballo titulado Angrois. O AVE en anacos, editado por Praza Pública, que recolle o labor xornalístico realizado polo autor sobre o accidente ferroviario de Angrois na edición galega de El País. O xurado destaca da obra premiada o "fondo e pormenorizado análise da traxedia ferroviaria de Angrois, abordada dende todos os aspectos, cunha visión ampla, crítica e obxectiva".

No acto, que tivo lugar no Salón de Plenos da institución provincial, David Reinero agradeceu o premio e dixo: "Fronte a outros que premian formatos concretos, como os artigos de opinión, que non sempre escribimos os xornalistas, ou que premian medios ou sistemas de difusión puntuais, este premio é tan amplo como para acoller calquera proposta co único requisito de que sexa xornalismo". Sobre o traballo premiado, David Reinero explicou que non é "un tratado técnico senón un relato divulgativo contextualizado que recapitula o traballo xornalístico diario que me permiten facer en El País dende que cheguei o lugar do accidente, á media hora de que se producira. Así que cando comecei a escribir o libro o traballo xa estaba feito. Iso foi o que me dicía a min mesmo para animarme a superar o transo cando Manolo Barreiro, presidente da fundación que respalda a web informativa Praza Pública, me propuxo escribir un libro sobre Angrois. O que el chamaba libro para min foi sempre unha reportaxe longa, demorada, na que poder contar máis cousas sobre o accidente de Angrois que as que caben no día a día. Pero sempre sen perder de vista o xornalismo".

Pola súa banda, o presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, dixo na clausura do acto que hoxe, que conmemoramos o Día Mundial da Liberdade de Prensa, "o Premio Carracedo chega á súa edición número vinte e catro, cumprindo o ano próximo o seu primeiro cuarto de século. Xa van vinte e seis anos dende que Xosé Aurelio nos deixou fisicamente. E a súa provincia, esta corporación, unanimemente quixo -e penso que o conseguiu coa creación do galardón- "perpetuar a figura dun periodista ilustre e dunha persoa de gran dimensión humana, exercendo sempre a crítica con honestidade, e que gañou ben gañado un posto de primeira liña no xornalismo galego".

Baltar felicitou a David Reinero "quen hoxe engade merecidamente seu nome os gañadores deste recoñecemento", e dixo que o accidente en Angrois "marca un antes e un despois na historia de Galicia; unha xornada, previa o noso día nacional, onde a solidariedade e a reacción da sociedade amosou unha Galicia humana e altruísta. Un día onde Ourense berrou de dor coas mortes de Zeltia Cabido, Eva Pérez, Carolina Besada e Ana Álvarez, a quen aproveito para lembrar neste salón onde a Corporación, o 26 de xullo, celebrou –seguro- o pleno máis curto e triste da súa andaina histórica".

Referíndose á comunicación, o presidente da Deputación de Ourense afirmou que a xente ten dereito a coñecer todo, a que se comparta toda a información, á máxima transparencia; e debe ser obriga das administracións facilitarlle todos os datos posibles e dos xornalistas, actuar como vehículo condutor do acontecido. Ademais, subliñou "o definitivo papel do xornalismo na procura dunha sociedade afastada do victimismo e ambiciosa de seu". "Os xornalistas, ante todo, son cidadáns, como os gobernados pero tamén como os gobernantes. E hoxe –expresou Baltar- é un magnífico día para reivindicar o papel do xornalismo e a súa necesidade como piar fundamental dunha democracia consolidada".

O acto de entrega do premio contou coa presenza, ademais, do presidente e dos membros do xurado, do sobriño e afillado do Xosé Aurelio Carracedo, Miguel Jiménez Carracedo, quen fixo un percorrido no seu discurso pola faciana máis humana de Xosé Aurelio Carracedo, destacando o seu amor por Ourense "e polas pequenas-grandes cousas que me ensinou con esa mirada especial con que só os xornalistas saben ollar a vida cotiá".

O xurado valora sinaladamente o desenvolvemento do traballo premiado, que parte da orixe da traxedia de Angrois "para ir percorrendo as consecuencias e o futuro que se plantexa a partires do accidente". "Elaborado, crítico, moi documentado e reflexivo", son adxectivos cos que o xurado resume este traballo, do que destaca a calidade estilística e xornalística do mesmo, "que permite o lector informarse e, á vez, sacar as súas propias conclusións". Asemade, o xurado quere facer constar a alta calidade dos traballos presentados o premio en todas as modalidades: prensa, radio e TV, e agradece os participantes por ter contribuído un ano máis a honrar a figura de Xosé Aurelio Carracedo ca participación no premio que leva o seu nome.

David Reinero é un xornalista especializado en política e infraestruturas. Traballa para o diario El País logo de pasar por Xornal de Galicia, o Departamento de Comunicación da Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Transportes e por Atlántico Diario. Ten colaborado con outros medios de comunicación así como co Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional (IGADI) e co Instituto de Estudos Miñoranos (IEM).

O xurado, presidido polo deputado provincial de Cultura, Avelino García Ferradal, estivo integrado por Santiago Bande Cabido, Mariló Fernández Senra, Luis Gulín Iglesias e Xosé Lois González Vázquez, actuando como secretario o responsable de Comunicación da Deputación de Ourense, Fernando Rodríguez Méndez.