David Reinero gaña o Premio de Xornalismo "Xosé Aurelio Carracedo" 2014 da Deputación de Ourense

  • O traballo premiado, titulado Angrois. O AVE en anacos, editado por Praza Pública, recolle o labor xornalístico realizado polo autor sobre o accidente ferroviario de Angrois na edición galega de El País.

  • O xurado destaca da obra premiada o fondo e pormenorizado análise da traxedia ferroviaria, abordada dende todos os aspectos, cunha visión ampla, crítica e obxectiva.

O xornalista David Reinero (Nigrán, 1979) é o gañador do premio de xornalismo "Xosé Aurelio Carracedo" 2014, dotado con 3.000 euros, un certame que anualmente convoca a Deputación de Ourense para honrar a memoria do xornalista ourensán que lle da nome ao premio, falecido nun accidente de tráfico.

O xurado, reunido hoxe no Centro Cultural "Marcos Valcárcel" da Deputación de Ourense, ditaminou conceder o galardón a David Reinero polo seu traballo titulado Angrois. O AVE en anacos, editado por Praza Pública, que recolle o labor xornalístico realizado polo autor sobre o accidente ferroviario de Angrois na edición galega de El País. O xurado destaca da obra premiada o "fondo e pormenorizado análise da traxedia ferroviaria de Angrois, abordada dende todos os aspectos, cunha visión ampla, crítica e obxectiva".

Valora sinaladamente o xurado o desenvolvemento do traballo que parte da orixe da traxedia "para ir percorrendo as consecuencias e o futuro que se plantexa a partires do accidente". "Elaborado, crítico, moi documentado e reflexivo", son adxectivos cos que o xurado resume este traballo, do que destaca a calidade estilística e xornalística do mesmo, "que permite o lector informarse e, á vez, sacar as súas propias conclusións".

Asemade, o xurado quere facer constar a alta calidade dos traballos presentados o premio en todas as modalidades: prensa, radio e TV, e agradece os participantes por ter contribuído un ano máis a honrar a figura de Xosé Aurelio Carracedo ca participación no premio que leva o seu nome.

David Reinero é un xornalista especializado en política e infraestruturas. Traballa para o diario El País logo de pasar por Xornal de Galicia, o Departamento de Comunicación da Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Transportes e por Atlántico Diario. Ten colaborado con outros medios de comunicación así como co Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional (IGADI) e co Instituto de Estudos Miñoranos (IEM).

O xurado, presidido polo deputado provincial de Cultura, Avelino García Ferradal, estivo integrado por Santiago Bande Cabido, Mariló Fernández Senra, Luis Gulín Iglesias e Xosé Lois González Vázquez, actuando como secretario o responsable de Comunicación da Deputación de Ourense, Fernando Rodríguez Méndez.

A entrega do premio terá lugar na Deputación de Ourense o día 3 de maio, Día Internacional da Liberdade de Prensa.