Caligrafía e pintura fúndese en arte na exposición de Baldo Ramos e Carlos González Villar, no Centro Cultural

O Centro Cultural "Marcos Valcárcel" da Deputación de Ourense acolleu hoxe a presentación do libro de artista e da exposición "Onde beben os cervos que amansou o calígrafo", de Baldo Ramos e Carlos González Villar, unha experiencia artística na que os dous creadores funden en perfecta simbiose a caligrafía e os gravados. O acto contou coa presenza dos artistas; do vicepresidente da Deputación, Rosendo Fernández; do director do Centro Cultural, Francisco González, e do asesor cultural da Deputación de Ourense, César Fernández, acompañados polo coordinador cultural de Celanova, Antonio Piñeiro.

Baldo Ramos dixo que este proxecto editorial e expositivo tivo a súa orixe hai uns vinte anos "cando descubrín a obra de Carlos González Villar, e foi collendo corpo a partires de 2006, ano en que nos coñecimos, para chegar ata hoxe, cando confluír este traballo en paralelo". Pola súa banda, Carlos González Villar afirma que esta mostra serve para amosar "a afinidade que temos os dous artistas, onde os poemas de Baldo adquiren cos meus gravados unha nova dimensión e viceversa".

O suxestivo título da exposición: "Onde beben os cervos que amansou o calígrafo", refírese, en palabras dos artistas, "á representación do mundo rural ourensán, xa perdido, onde aparecían os cervos, que baixan a beber da auga do arte nesta exposición a través da caligrafía".

Ademais do libro de artista, a mostra está composta por máis de medio cento de obras pictóricas e gravados de Ramos e González Villar, así como o catálogo. A Exposición inaugúrase hoxe a tarde, ás 20.15 horas, e conta coa colaboración do Concello de Celanova e do Padroado Curros Enríquez. A mostra permanecerá aberta ao público ata o 27 de abril.