Ramirás convértese esta fin de semana na capital da música tradicional co Festival "Rebulir 2013"

  • Grupos de Francia, Portugal, Valencia, Asturias e Ourense participan nesta edición, que foi presentada hoxe no Centro Cultural "Marcos Valcárcel" da Deputación de Ourense.

O Centro Cultural "Marcos Valcárcel" da Deputación de Ourense acolleu hoxe a presentación do Festival de Música Tradicional "Rebulir", que se celebrará os días 20, 21 e 22 de decembro en Ramirás. O acto de presentación contou coa presenza do presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar; a alcaldesa de Ramirás, Pilar López; o director artístico do festival, Alexandre Sotelino, e o padriño do festival, o actor Rubén Riós. O municipio de Ramirás convértese así esta fin de semana na capital da música tradicional, coa participación de grupos de Francia, Portugal, Valencia, Asturias e Ourense que realizarán actuacións gratuítas e abertas para todo o público.

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, dixo que a traxectoria do Festival Rebulir "sitúao como un referente na música tradicional, e fala ben ás claras da importancia que para este colectivo e para o Concello de Ramirás ten esta aposta polas nosas tradicións e a nosa cultura", engandindo que estes días "Ramirás se converte na capital galega do folclore cunha actividade de irmanamento, convivencia e intercambio cultural".

O acto central terá lugar mañá sábado, ás 19,00 horas, no polideportivo do Picouto, onde os grupos participantes serán recibidos polo grupo anfitrión e as

autoridades. Neste gala internacional do folclore preténdese mostrar o mellor

da cultura tradicional de cada unha das comunidades e países visitantes. Os grupos participantes son: EBMT Rebulir, de Ramirás, Xirondiña, de Pontedeva, Grupo Folclórico de Ribeira de Fraguas (Portugal), Candaira, de Castrelo do Val, Grupo de Danses i Cançons de Castalla (Comunidade Valenciana), AFM Villa i Condau de Noreña (Asturias) e Lous Crabots de Semisens (Francia).

A principal novidade desta edición será a degustación de produtos gastronómicos das diferentes procedencias, que terá lugar na tarde do sábado, e que permitirá aos asistentes coñecer a cultura culinaria doutras latitudes. Na madrugada do domingo, o local "Oxígeno" de Celanova acollerá unha Foliada Intercultural e o día 23 as diferentes delegacións visitarán Celanova e Ourense para logo despedirse e dar clausura a esta oitava edición.