A Deputación de Ourense colabora co Campionato de España de Remo Olímpico, que reunirá en Castrelo de Miño a máis de 1.000 deportistas

Máis de 1.000 deportistas de 70 clubes procedentes de dez comunidades autónomas daranse cita os vindeiros días 22 ao 24 de xuño no encoro de Castrelo de Miño para participar no campionato de España de remo olímpico, evento que foi presentado hoxe no Centro Cultural "Marcos Valcárcel" da Deputación de Ourense.

O acto de presentación contou coa presenza do presidente provincial, Manuel Baltar; o alcalde de Castrelo de Miño, Xurxo Rodríguez; o presidente da Federación Galega de Remo e vicepresidente da española, José Prada; e o director de relación institucionais da corporación Hijos de Rivera, Antonio Viejo, así como representantes do Real Clube Náutico de Vigo e do Clube Náutico de Castrelo de Miño.

Manuel Baltar dixo que este evento "coloca a Ourense como capital nacional do remo olímpico, co que iso supón de gran impacto mediático, deportivo e económico". O presidente da Deputación salientou que a institución provincial seguirá apoiando a actividade deportiva "dese mar interior de Galicia como é o encoro de Castrelo de Miño", e agradeceu o traballo dos organizadores e patrocinadores para acadar o que será "un gran éxito" deste campionato de España, e fixo un chamamento aos afeizoados para que acudan a presenciar esta proba deportiva.

Nesta proba, na que colabora a Deputación de Ourense, participará máis dun milleiro de deportistas e técnicos, das categorías que van desde os xuvenís e Sub-23 ata os veteranos, pasando polos seniors masculinos en femininos.

A competición iniciarase o vindeiro venres, as 16.00 horas, e a segunda xornada terá lugar o sábado entre as 9.00 e as 13.00 horas e pola tarde, entre as 17.00 e as 21.00 horas. O domingo 24 de xuño a xornada desenvolverase entre as 08.30 e as 13.00 horas, tralo cal terá lugar a cerimonia de clausura.