A Rede Ourensá de Municipios Sostibles promove un estudo enerxético, prácticas para universitarios e participación social

  • A Deputación de Ourense é a primeira de Galicia en liderar esta iniciativa medioambiental a prol do desenvolvemento sostible dos concellos.

  • Realizará o "Plan Particip@" para promover en Internet entre a cidadanía as boas practicas medioambientais sostibles.

A Rede de Municipios Ourensáns cara á Sostibilidade está a desenvolver iniciativas que favorezan as boas prácticas medioambientais nos concellos da provincia por medio da xestión e da implicación da sociedade a prol dunha "conciencia ambiental". Neste senso, a rede, coordinada dende o Departamento de Medio Ambiente da Deputación de Ourense –primeira deputación de Galicia en liderar esta iniciativa a favor do desenvolvemento sostible dos concellos- está a promover un estudo de aforro enerxético; a integración de alumnos universitarios para que realicen prácticas dentro dos proxectos da rede, e campañas de sensibilización e divulgación para cidadáns co obxectivo de implicar a participación social nas prácticas sostibles.

Esta serie de actividades lévanse a cabo nunha primeira etapa –que abrangue ata o ano 2015- nos concellos da Bola, A Gudiña, A Merca, Baltar, Cartelle, Celanova, Gomesende, O Barco de Valdeorras, O Carballiño, Pontedeva, Porqueira, Quintela de Leirado, Rairiz de Veiga, Ramirás, Sandiás, Sarreaus, Trasmiras, Xinzo de Limia e Verea, e á que se poderán adherir a partir de 2015 todos os municipios da provincia que avoguen polo desenvolvemento sostible.

No que queda de ano e ao longo de 2014 realizaranse accións dirixidas a implicar aos diferentes grupos sociais, entidades e estamentos públicos no desenvolvemento sostible local, e outras orientadas á optimización e mellora da xestión pública. Os principais obxectivos son o aforro municipal e o achegamento da poboación á xestión pública a través do intercambio de información e experiencias, propiciando así, un espazo para a reflexión e o diálogo aberto entre representantes da administración, técnicos e cidadáns da provincia de Ourense no ámbito da sostibilidade.

Xeoportal interactivo

Tamén nos vindeiros meses será presentado o "Plan Provincial Particip@" concebido para a difusión e promoción da participación cidadá neste proxecto integral de sostibilidade. O plan inclúe foros de debate, programas de radio, obradoiros, conferencias e a creación dun "Xeoportal interactivo", que será unha plataforma virtual a modo de punto de encontro para os axentes sociais, que permitirá o intercambio de información. O "Plan Particip@" elaborará tamén un manual de boas prácticas a seguir para a posta en marcha de programas sociais adaptados para cada municipio e aplicable a cada tipoloxía de concello da provincia de Ourense.

Prácticas de universitarios

Precisamente, nesta liña, o pasado venres presentouse na Facultade de Ciencias de Ourense aos alumnos de Ciencias Ambientais e Enxeñería Agrícola un programa para que poidan realizar as súas prácticas de empresa no marco deste proxecto innovador da Deputación de Ourense. Os universitarios poderán participar na publicación de informes técnicos, na xestión de información na páxina web, na recollida de datos de campo para tratamento cartográfico e na organización de actividades de sensibilización do "Plan Particip@" .

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, que se reuniu co María Sabas, xefa de Sección de Xestión Ambiental da Deputación, para analizar o proxecto de sostibilidade, di que hai que apostar por unha "economía verde" e afirma que é necesario "desenvolver iniciativas que fagan máis eficientes o uso dos recursos medioambientais nos nosos concellos". Baltar destaca que a Deputación de Ourense é a primeira de Galicia que lidera unha iniciativa medioambiental "en rede" a prol do desenvolvemento sostible dos concellos, "por medio da cooperación e do consenso político e social, o que permitirá abordar os problemas do medio ambiente de maneira conxunta e con máis eficiencia e aforro, pensando no benestar dos cidadáns do presente e do futuro".

Entres as actividades da Rede tamén figura a análise e optimización da facturación eléctrica, proxecto co que se pretende reducir o gasto imputable ao consumo eléctrico, sen que sexa necesario para elo realizar ningún investimento, simplemente axustando os parámetros do contrato coa enerxética ao consumo real.

Complétanse as actividades con dúas exposicións itinerantes e a entrega do xogo de mesa "A carreira da sostibilidade". As exposicións xa visitaron os concellos da Gudiña e Sandiás. A mostra "Desenvolvemento soste... qué?" está centrada no impacto do home na natureza e no desenvolvemento sostible, e a de "Fogares verdes" promove o autocontrol do consumo doméstico de auga e enerxía, introducindo medidas e comportamentos aforradores. Pola súa banda, os xogos de mesa, entregados nos centros cívicos, permiten aos cativos coñecer os seus concellos e comarcas, así como o significado de conceptos relativos ao desenvolvemento sostible local respondendo ás preguntas que se lles van facendo a medida que avanzan na carreira do xogo.