O premio Ourensanía destaca "a universalidade dun sentimento", na persoa do galardoado, Rodríguez Carballo

  • No acto celebrado no Mosteiro de Oseira o premiado dixo recibir o galardón "como unha honra que acolle en nome de todos os ourensáns para que sigamos sendo embaixadores desta terra".

  • O presidente da Deputación, Manuel Baltar, destacou de Rodríguez Carballo "o seu compromiso con Galicia, coa súa lingua e a súa cultura, así como a súa xenerosidade sen límites coa terra na que naceu".

  • O presidente da Xunta dixo que a Ourensanía é unha forma de relacionarse interna e externamente e "onde uns ven fronteiras nós vemos horizontes".

O Mosteiro de Oseira (San Cristovo de Cea) acolleu hoxe o acto solemne de entrega do Premio "Ourensanía 2013", que foi concedido ao ministro xeral da Orde Franciscana dos Frades Menores e Arcebispo de Belcastro, José Rodríguez Carballo, nomeado polo Papa Francisco secretario da Congregación para os Institutos de Vida Consagrada e as Sociedades de Vida Apostólica. O premio, que concede a Deputación de Ourense, é un recoñecemento honorífico a aqueles ourensáns que teñen destacado nas súas facetas profesionais, sociais ou intelectuais.

A entrega do galardón –que se consolida xa na súa terceira edición- tivo lugar hoxe, 11 de novembro, Día de San Martiño, e contou cunha ampla representación de persoeiros dos ámbitos social, cultural, económico e institucional, encabezados polo presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijoo; o conselleiro de Cultural, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez; o presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar; o alcalde de Cea, José Luis Valladares e o escritor e poeta Luís González Tosar, creador do manifesto de "Afirmación da Ourensanía", quen definiu aos ourensáns como "laboriosas xentes, creadoras de ilusións e con cativa equipaxe que percorreron o mundo levando esperanza e bo facer".

No transcurso do acto, conducido polo xornalista Juan Maceiras, o presidente da Deputación de Ourense fíxolle entrega ao premiado dunha figura de bronce do escultor Xosé Cid, ademais dunha copia da acta do xurado.

Rodríguez Carballo agradeceu o premio e dixo recibir o galardón "como unha honra que acollo en nome de todos os ourensáns, para que sigamos sendo embaixadores desta terra da chispa alí onde nos atopemos e sexa cal sexa a nosa ocupación". Na súa intervención tamén fixo un percorrido pola lembranza do seu Lodoselo natal e citou a célebre frase: "Ser galego é unha carreira e de Ourense, catedrático", para subliñar que este "é un título de fonda honra para quen é fillo de labregos e emigrantes ourensáns".

Manuel Baltar destacou no seu discurso que a Ourensanía "é paisaxe, historia, tradición, fe, esperanza e irmandade compartida cos que camiñan connosco, cos que van á nosa beira. Homes e mulleres abertos a todo, sen renunciar nunca a nada, laboriosos, pletóricos de ilusión, humildes e solidarios, amigos da paz e da concordia". O presidente provincial dixo que contamos cunha visión integral de provincia, "nunca illada, sempre universal, que soubo trascender grazas ao exemplo de moitos. Recoñecemos así o orgullo permanente de sermos de Ourense. Valoramos aos ourensáns que triúnfan e non renuncian aos seus orixes. Velaí a base deste premio, desa Ourensanía que entendemos como "o noso xeito de andar e interpretar o mundo".

Referíndose ao premiado, Baltar loubou a súa traxectoria profesional e destacou "o esforzo e plena dedicación, con humilde espírito franciscano", e fixo fincapé no seu compromiso con Galicia, "coa súa lingua e a súa cultura, xenerosidade sen límites coa terra na que naceu, co pobo ó que pertence e ó que representa, orgulloso das súas orixes en todo momento, en calquera lugar".

Manuel Baltar dixo que estamos ante "a máis alta dignidade eclesiástica que Galicia tivo nunca ante o Vaticano, e sei que se hai alguén que pode conseguir que o Papa Francisco visite Galicia con ocasión do oitavo centenario da peregrinación de Francisco de Asís a Compostela, ese é o noso homenaxeado de hoxe, embaixador da Ourensanía. Incluso, de súpeto, podería propoñerse que un Papa estivera por primeira vez na nosa provincia; que o Papa Francisco deixara a súa pegada na nosa terra ourensá".

Pola súa banda, o presidente da Xunta dixo que a Ourensanía é unha forma de relacionarse interna e externamente e "onde uns ven fronteiras nós vemos horizontes", e engadiu que a Ourensanía "está na literatura, nas artes, na cultura, na ciencia na política e na vida social, algo que engrandece a nosa terra con vitalidade, inconformismo, creatividade e espírito emprendedor". "En Ourense temos –afirmou Núñez Feijoo- un compromiso coa terra e unha alianza con Galicia, modelamos as nosas identidades aproveitando todas as achegas, todos os afluentes, como fai o río Miño".

O acto foi clausurado coas intervencións musicais da Coral de Ruada, que interpretou o himno "Ourense ó lonxe" e "Ourense no solpor", e pola Real Banda de Gaitas da Deputación de Ourense que interpretou a composición "Himno a San Martiño", obra de Xosé Lois Foxo, "o himno instrumental de Ourense, segundo o cualificou o seu compositor.