Ferrín recibe o premio Otero Pedrayo, "un galardón que leva o nome de quen marcou a miña vida coa súa palabra"

  • O acto de entrega, presidido polo titular da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, tivo lugar no Centro Cultural "Marcos Valcárcel".

  • O xurado do premio, que conceden as deputacións galegas co apoio da Xunta, recoñece en Méndez Ferrín "a traxectoria dun dos grandes intelectuais galegos contemporáneos".

O escritor e intelectual galego, Xosé Luís Méndez Ferrín, recibiu hoxe en Ourense, a súa cidade natal, o Premio Otero Pedrayo, nun acto que tivo lugar no Centro Cultural "Marcos Valcárcel" da Deputación de Ourense, presidido polo titular da institución ourensá, Manuel Baltar, e que contou coa presenza do secretario xeral de Cultura da Xunta de Galicia, Anxo Lorenzo.

O xurado do premio -que conceden as catro deputacións galegas co apoio da Xunta de Galicia-, recoñece en Méndez Ferrín "a traxectoria dun dos grandes intelectuais galegos contemporáneos", e destaca as súa achegas "nos eidos da docencia, da literatura, do xornalismo, na difusión exterior da literatura galega (foi candidato ao Nobel pola literatura galega), e no eido da política e do seu compromiso coa clase traballadora".

O acto solemne da entrega do premio arrancou coas palabras de Don Ramón Otero Pedrayo no discurso pronunciado en 1959 diante da colectividade galega en Bos Aires, para, de seguido, dar paso a entrega do premio e ao discurso do galardonado, quen agradeceu o recoñecemento afirmando que lle enche de satisfacción "recibir un premio que leva o nome dun mestre, autoridade ética e patriota que me orientou na mocidade e cuxa palabra marcou toda a miña vida". No seu discurso, Méndez Ferrín fixo un percorrido polo Ourense histórico e cultural, "cuxo progreso –dixo- naceu ao carón da estrada de Madrid e coa chegada do ferrocarril; un Ourense comercial, proletario, mercantilista e que tivo unha sinalada actividade financeira autónoma".

Ferrín lembrou ao seu Ourense e á súa vila de Vilanova dos Infantes como "os modelos literarios que configuraron a súa vida como escritor", e do premio dixo sentir "unha fonda honra" por ser o máis importante do país, "aínda que hai moitas e moitos que o poderían recibir con máis méritos ca min", para rematar dedicándolle o premio a súa familia, a súa dona, aos camaradas e amigos vivos e mortos, especialmente a Otero Pedrayo, "porque os que perdimos alentan a nosa memoria".

Pola súa banda, Manuel Baltar tivo palabras de lembranza para Otero Pedrayo e de gavanza para Méndez Ferrín, destacando que asistimos a un acto "de honra e xusto recoñecemento e mais tamén de fonda e trascendente significación", cualificando a Otero Pedrayo e a Méndez Ferrín como "dous dos principais cabezaleiros da Galicia contemporánea, activos impulsores das súas xeracións e caracterizados polo talento e o patriotismo; pola ansia permanente de engrandecer a nosa terra".

Baltar subliñou "o paralelismo ético, intelectual e de compromiso coa causa de Galicia" de Ferrín e Otero Pedrayo, "respectados tamén polas xeracións actuais ás que, se mo permitides, eu chamo "Xeración Vós", por ser protagonista e responsable do noso futuro neste ámbito común de todos que é o sentimento de Ourensanía".

Anxo Lorenzo, secretario xeral de Cultural, destacou o "maxisterio exemplar de Otero Pedrayo e o compromiso de Méndez Ferrín, dúas figuras da nosa literatura", e estendeu tamén o galardón "ás persoas que fan posible o avance da cultura galega, foco de enerxía e piar da nosa identidade".

A proposta do galardón desta edición –a número 36ª deste premio- , foi realizada polo presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, e referendada polo xurado, que cualificou a obra de Méndez Ferrín como "culta e con vocación universalista, que incorpora diferentes tradicións e bebe en fontes varias: dende a canteira popular aos modelos clásicos e as vangardas".

O Premio Otero Pedrayo é un premio honorífico que conceden dende 1977 as deputacións provinciais de Galicia, co apoio da Xunta de Galicia. O premio é de carácter rotatorio e nesta edición correspondeulle a súa organización á Deputación de Ourense. O xurado deste ano estivo integrado por representantes da Xunta de Galicia, das catro deputacións galegas, das tres universidades galegas, un representante da RAG, outro do Instituto Padre Sarmiento, ademais de cinco persoas independentes designadas pola Xunta, de solvencia científica e literaria.