Padrenda contará cunha nova estación depuradora de augas residuais, na que se investirán preto de 800.000 €

  • A Confederación Hidrográfica Miño-Sil, a Deputación de Ourense e o Concello de Padrenda asinaron hoxe o convenio de colaboración para a construción desta infraestrutura.

  • A EDAR dará servizo a 600 habitantes e mellorará a calidade da auga dos ríos Troncoso e Leboreiro.

O presidente da Confederación Hidrográfica Miño-Sil, Francisco Marín; o presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, e o alcalde de Padrenda, Manuel Pérez, asinaron hoxe o convenio de colaboración para o financiamento e execución das obras da nova estación depuradora de augas residuais (EDAR) de Pontebarxas (Padrenda), na que se investirán preto de 800.000 €, sufragados ao 90% polo Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente -a través da Confederación Hidrográfica Miño-Sil- e co 10% de achega por parte da Deputación de Ourense.

O acto de sinatura do convenio, que tivo lugar na Casa do Concello de Padrenda, contou coa presenza do subdelegado do Goberno en Ourense, Roberto Castro, do delegado territorial da Xunta de Galicia en Ourense, Rogelio Martínez, e dos membros da corporación municipal de Padrenda.

Esta nova infraestrutura dará servizo a 600 habitantes e mellorará a calidade da auga dos ríos Troncoso e Leboreiro. As obras consistirán na creación dun novo proceso para a liña de depuración das augas residuais cun pretratamento, un tratamento primario e outro biolóxico, secundario. Tamén se deseñou un novo colector que recollerá as augas da parte baixa de Pontebarxas, ademais da urbanización dos accesos actuais, a creación dun novo acceso á EDAR e a dotación de servizos de subministros necesarios.

Este proxecto, segundo destacou na súa intervención Manuel Baltar "é un paso máis no labor de cooperación que ven desenvolvendo a Deputación de Ourense con outras administracións, creando sinerxias e accións que permiten levar a cabo proxectos que achegan melloras para a calidade de vida dos cidadáns e do entorno natural", engadindo que o ámbito do Medio Ambiente "segue a ser unha das áreas de traballo prioritarias da Deputación de Ourense, porque preservar e protexer os nosos recursos e un dos obxectivos irrenunciables polo que traballamos no goberno provincial".

Esta actuación da nova EDAR de Pontebarxas está incluída no programa operativo de financiamento con cargo aos Fondos Europeos de Desenvolvemento Rexional (Feder), que a Confederación Hidrográfica Miño-Sil ten deseñado dentro do periodo 2007-2013, e que contan coa participación e o apoio cidadán das poboacións implicadas, co obxectivo de levar a cabo iniciativas para a mellora medioambiental do entorno dos ríos.