Xunta e Deputación achegan máis de 630.000 € para a xestión do servizo de depuración de augas en Valdeorras

  • Augas de Galicia e a Deputación de Ourense asinaron un convenio para a prestación do servizo que inclúe mantemento das depuradoras, limpeza e baleirado de fosas, xestión de residuos e subministro eléctrico.

O presidente da Deputación de Ourense e do Consorcio de Augas de Valdeorras, Manuel Baltar, e o conselleiro de Medio Ambiente e presidente de Augas de Galicia, Agustín Hernández, asinaron hoxe en Ourense un convenio de colaboración entre Augas de Galicia, a Deputación de Ourense e o Consorcio de Augas de Valdeorras para a xestión do servizo intermunicipal delegado de depuración de augas residuais na comarca de Valdeorras.

Por medio deste acordo, no que ámbalas dúas institucións achegan en total 631.184 €, levarase a cabo a prestación da cooperación financeira para a xestión de actividades deste servizo intermunicipal, que contempla o mantemento preventivo das depuradoras dos núcleos de poboación do consorcio, incluíndo a realización de analíticas, así como a limpeza e baleirado de fosas mediante un camión impulsor-succionador e ou outros medios, cando non sexa posible por problemas de accesibilidade. Ademais, o acordo inclúe a xestión dos residuos e o subministro eléctrico, este último, no caso de que sexa necesario.

As actuacións serán financiadas por Augas de Galicia, que aportará a cantidade de 473.388 €, dividida en dúas achegas 236.694 € para os gastos da depuración de augas residuais realizadas no ano 2013 e 2014, mentres que a Deputación de Ourense aportará a cantidade total de 157.796 €, en dúas anualidades de 78.898 €, correspondentes aos gastos da depuración de augas residuais dos anos 2013 e 2014.

Manuel Baltar explicou que a sinatura deste convenio supón "unha nova mostra de cooperación entre administracións, o que redundará no beneficio dos cidadáns, neste caso dos 28.000 habitantes da comarca de Valdeorras, algo que, nuns tempos de dificultade económica como os actuais é sinaladamente necesario para optimizar recursos e sermos máis eficientes". Baltar lembrou que o Consorcio de Augas de Valdeorras é una "experiencia piloto e pioneira en Galicia" e está integrado polos nove concellos da comarca de Valdeorras, a Xunta de Galicia e a Deputación de Ourense.

Agustín Hernández dixo que as achegas deste convenio "serán aportadas nun 75% por parte da Xunta de Galicia en un 25% por parte da Deputación de Ourense, e supón un paso máis na mellora do saneamento sostible porque representa o futuro da xestión da auga en Galicia, realizada de xeito sinxelo e directo, ademais dun novo modelo de xestión do servizo".