O Inorde consegue da Xunta 100.000 € para novas infraestruturas no programa museográfico das estacións de Molgas e Santa Cruz de Arrabaldo

O presidente da Deputación e o conselleiro de Cultura reuníronse hoxe no Pazo Provincial para determinar o acordo que permitirá continuar cos traballos nestes edificios recuperados para actividades culturais.

A Deputación de Ourense, a través do Inorde, ven de acadar un investimento de 100.000 euros por parte da Xunta de Galicia para levar a cabo obras e novas infraestruturas dentro do programa nuseográfico das estacións de Baños de Molgas e Santa Cruz de Arrabaldo, segundo acordaron hoxe na reunión que mantiveron no Pazo Provincial o presidente da Deputación de Ourense e do Inorde, Manuel Baltar, e o conselleiro de Educación, Cultura e Ordenación Universitaria, Jesús Vázquez.

O importe total dos investimentos para estas actuacións hai que engadir 32.000 euros máis que achega o Inorde, co cal o montante total ascende a 132.000 euros.

No que atinxe á estación de Baños de Molgas as obras consistirán no acondicionamento interior e exterior dunha carpa fixa, acristalada, equipada para a realización de múltiples eventos. A carpa permitirá contar cun espazo complementario para o desenvolvemento das actividades do Museo Moncho Borrajo, que na actualidade ten a súa sede na antiga estación de Baños de Molgas.

Na estación de Santa Cruz de Arrabaldo levaranse a cabo obras de musealización para o Centro de Interpretación do Traxe Folclórico Galego e un obradoiro de fabricación de liño con métodos tradicionais. Asemade, as instalacións albergarán un espazo para a Fundación Estanislao Reverter e o Centro interpretación da historia do automóbil e do coche clásico.

Manuel Baltar afirma que o Inorde "ven traballando na recuperación para usos culturais das antigas estacións de ferrocarril de Ourense coa posta en valor destes inmobles que nalgún caso posúen valores culturais recoñecidos e que son obxecto de protección, como a antiga estación de Santa Cruz de Arrabaldo, ben inmoble incorporado ao Inventario Xeral do Patrimonio Cultural de Galicia".

Ademais, o presidente do Inorde destaca que a recuperación e mantemento destes inmobles e o seu novo uso cultural e museístico "supón un motor de reactivación social e económica das comarcas onde se atopan estes edificios", e engade que o desenvolvemento de actividades culturais e etnográficas "potencia tamén o coñecemento da nosa historia e das nosas tradicións, así como das expresións artísticas e creativas e da actividade industrial".

Estas son actuacións, en opinión de Manuel Baltar, "coherentes e respectuosas coa salvagarda dun patrimonio cultural que debe protexerse e que supón unha ferramenta importante para a mellora da calidade de vida dos cidadáns.

En concreto, este programa desenvolvido nas estacións de Baños de Molgas e Santa Cruz de Arrabaldo completa a oferta de espazos e recursos culturais, como é o caso de Molgas, reforzando o uso xa existente –Centro Moncho Borrajo- e buscando a súa consolidación, ao tempo que dota ao Concello de Baños de Molgas e á súa contorna dun recurso cultural senlleiro.

Polo que atinxe a Santa Cruz de Arrabaldo, vaise completar a dotación cultural permitindo a apertura de dous novos centros de interpretación dedicados ao traxe tradicional e á industria do automóbil, garantindo así a exposición e conservación dunhas coleccións que no futuro poden integrar o patrimonio museístico de Galicia.